Regular as axudas ás agrupacións empresariais (clúster) innovadoras, para promover o desenvolvemento económico mediante o fomento da innovación e a cooperación en distintos sectores da actividade económica en Galicia, con estruturas xurídicas que representen a estas agrupacións clúster.
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.
As agrupacións empresariais (clúster) innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.
Tamén poderán optar ás axudas aquelas entidades con personalidade xurídica propia e sen fin de lucro, representativas de ámbitos de actividade empresarial con impacto significativo na economía galega, superando a achega conxunta ao PIB máis do 1 % e que, á súa vez, conten como socios da entidade clúster un conxunto de empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que o volume de vendas conxunto supere polo menos o 30 % do total de vendas do ámbito de actividade total de Galicia no último exercicio pechado.
b) Que o número de empresas representadas supere polo menos o 10 % do total de empresas existentes no ámbito de actividade que teñan centro de actividade en Galicia.
c) Acreditación de capacidade tecnolóxica e de innovación no seo da agrupación.
Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas en crise.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1. Para incentivar o desenvolvemento dos agrupamentos e a innovación colectiva, outorgaranse axudas a fondo perdido a determinados investimentos desenvolvidos e explotados pola asociación, necesarios para facilitar o impulso tecnolóxico e a innovación; e axudas de funcionamento para o arranque e a consolidación das agrupacións beneficiarias.
Os solicitantes deberán presentar un plan trienal de actuacións innovadoras que será a base de análise do apoio. O contido mínimo, deste plan será:
a) Análise estratéxica do clúster.
b) Visión e obxectivos do plan.
c) Plan de acción.
d) Plan de seguimento.
2. Serán subvencionables os custos elixibles realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención. No caso de que se detecte calquera custo do proxecto incorrido con carácter previo á solicitude da axuda, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Soamente poderán apoiarse custos derivados da realización de actividades novas. Os proxectos xa en marcha ou iniciados non poderán ser obxecto de axuda.
3. Os solicitantes terán que acreditar ao Igape o efecto incentivador da subvención solicitada. Para tal efecto, deberán presentar un documento onde se reflicta o incremento de volume nos custos asumidos que os incentivos representarían para os proxectos subvencionados.
O investimento terá que manterse no centro de traballo en Galicia durante os cinco anos, ou tres no caso de pemes, seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.
Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final.
1. Serán subvencionables os seguintes tipos de proxectos de investi¬mento, promovidos pola entidade xurídica que representa e xestiona a agrupación, sempre que esta entidade se encargue así mesmo de xestionar a participación nas infraestruturas e actividades, e o acceso a estas; ese acceso será libre e os honorarios pola utilización das instalacións e participación nas actividades da agrupación deberán reflectir o seu custo:
a) Centros de formación e investigación.
b) Infraestruturas de investigación de libre acceso tales como laboratorios e instalacións de ensaio.
c) Infraestruturas de redes de banda ancha.
Os custos subvencionables serán os correspondentes a investimentos en edificios, maquinaria e equipos.
2. Axudas de funcionamento á animación de agrupacións: poderanse conceder en favor da entidade xurídica que xestione a agrupación innovadora axudas de funcionamento á animación de agrupacións. Estas axudas concederanse por un máximo de 3 anos e serán decrecentes ano a ano. Serán subvencionables os custos de persoal e administrativos da entidade, correspondentes ás seguintes actividades:
a) Marketing e difusión da agrupación para captación de novas empresas.
b) Xestión de instalacións de libre acceso da agrupación.
c) Organización de programas de formación, talleres e conferencias co fin de fomentar o intercambio de coñecementos e o traballo en rede entre os membros da agrupación.
1. Investimentos:
A intensidade de axuda sobre o custo dos investimentos será do 30 % e elevarase ao 40 % se a unidade económica (agrupación con personalidade xurídica) cumpre as condicións de mediana empresa e ao 50 % se cumpre as de pequena empresa.
2. Axudas de funcionamento á animación de agrupacións:
As axudas acadarán o 100 % dos custos subvencionables no primeiro ano, decrecendo a intensidade un 25 % en cada ano seguinte.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte..
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
As axudas outorgadas conforme as presentes bases non poderán acumularse con outras axudas. A este respecto, as axudas concedidas ao abeiro destas bases non se acu¬mularán con axudas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables, co fin de non superar as intensidades máximas de axuda previstas no Réxime de axudas ás agrupacións de innovación (clústers) en Galicia (axuda estatal SA.34993 12/N) e que se fixaron de acordo cos requisitos do Marco de I+D+i.
Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG Nº127 do 05/07/2013) - Convocatoria 2013
Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG Nº144 do 30/07/2013) - Corrección de erros
Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG Nº232 do 04/12/2013) - Corrección de erros
Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo a través da aplicación http://www.tramita.igape.es
Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica (números de teléfono 902 300 903 ou 981 541 147).
As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.
Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:
a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
c) Os tres orzamentos que, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.6 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape.
d) Calquera outra documentación ou información adicional que se considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.
O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión.