Economía e Industria achega ás empresas do Barbanza os servizos e axudas para facilitar a súa internacionalización
O Igape organizou, en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, un encontro con empresarios locais centrado nos plans da Xunta para acelerar as exportacións. O Instituto coordina, mediante unha xanela única, todos os instrumentos de apoio dispoñibles para procurar que as exportacións das empresas galegas sigan medrando ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.
Boiro (A Coruña), 22 de outubro de 2014.- A secretaria xeral do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Boiro nun encontro de traballo con empresarios do Barbanza co obxectivo de facilitarlles información directa sobre os instrumentos que a entidade adscrita á Consellería de Economía e Industria pon ao seu dispor para impulsar a saída de produtos ou servizos galegos cara mercados exteriores.
Durante este encontro organizado polo Igape en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, Covadonga Toca presentou ademais as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.
Entre os instrumentos recollidos na estratexia de internacionalización do tecido empresarial galego destacan iniciativas como a xanela única para facilitar o acceso das empresas aos servizos e os apoios que precisen segundo a fase concreta de internacionalización na que se atopen.
Como vía para sacar ó máximo partido dos recursos dispoñibles, a secretaría xeral do Igape destacou a necesidade de optimizar a coordinación de esforzos con todas as organizacións de carácter empresarial que operan en Galicia no ámbito da internacionalización. Nesa liña, salientou que a Xunta seguirá apostando pola cooperación entre empresas mediante proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex.
No encontro celebrado en Boiro participaron representantes das empresas A Poutada, Confecciones Hortensia ou Gaínza Consulting, entre outras. Participou igualmente o vicesecretario da Federación de Empresarios do Barbanza, Javier González.
O encontro forma parte do ciclo de xornadas técnicas sobre internacionalización promovidas polo Igape en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e con diversas asociacións ou entidades empresariais comarcais, co obxectivo de facilitar a familiarización dos empresarios coas claves do comercio exterior e cos servizos e apoios públicos aos proxectos de internacionalización. Ao encontro de hoxe seguirán novas xornadas que se celebrarán en Foz, Vilagarcía e Ferrol.
Programa de xestores de exportación a tempo parcial
Formación para persoas que desexen abrirse camiño como profesionais prestadores de servizos e asesoramento no marco da Internacionalización.
O Igape xestiona unha bolsa de traballo de xestores de internacionalización co fin de difundir esta información entre o tecido empresarial galego e canalizar a oferta e a demanda de persoal especializado facilitando a incorporación ao sistema produtivo galego de especialistas deste tipo, co conseguinte beneficio para as empresas como para os profesionais que poden acceder por esta vía ao mercado laboral.
Como un paso máis de reforzo de dita bolsa de traballo e coa finalidade de potenciar a iniciativa emprendedora, mellorar a empregabilidade e adaptar a formación ás exixencias do mercado, o IGAPE pon en marcha un programa de formación dirixido a integrantes de dita bolsa para a súa capacitación de cara a poder prestar servizos externos a empresas -fundamentalmente na fase de iniciación á internacionalización empresarial-, incluso atendendo a varias empresas á vez a tempo parcial.
Preténdese fomentar e facilitar o espíritu emprendedor en aquelas personas que desexen abrirse camiño como profesionais prestadores de servizos e asesoramento no marco da Internacionalización das empresas de Galicia.
Dirixido a profesionais autónomos cun perfil emprendedor, con capacidade de xestionar a súa propia actividade profesional, capacidade para realizar a súa actividade dentro de Galicia, coñecementos previos de Comercio Exterior e/ou experiencia en dito ámbito.
Este programa consiste en:
- Formación previa especializada en técnicas e operativa do comercio exterior. Datas previstas da formación presencial e on-line: novembro 2014-xaneiro 2015.
NOVO: Contido programa de formación [PDF]
- O Igape colaborará na difusión entre as empresas da existencia deste tipo de profesionais a través da bolsa de traballo de xestores de internacionalización.
REQUISITOS DOS CANDIDATOS:
- Estar dado de alta ou haber solicitado a alta na bolsa dos xestores Igapex de Internacionalización con data límite 30 de outubro de 2014.
- Contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.
- Cumprir, polo menos, unha das seguintes condicións:
- Acreditar ter sido beneficiario dalgunha bolsa de prácticas de posgrao por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial.
- Acreditar formación específica en comercio internacional (máster, curso de posgrao ou similares). Admitiranse só cursos completos ou módulos completos nesta materia de duración igual ou superior a 140 horas. Esta formación enténdese acreditada para os FP técnicos superiores en comercio internacional e para os candidatos titulados universitarios que posúan titulacións enfocadas primordialmente ao comercio internacional.
- Acreditar experiencia laboral igual ou superior a 12 meses na categoría profesional que corresponda coa titulación esixida e relacionada co comercio exterior.
- Dispoñibilidade para asistencia a reunións informativas e formativas.
- Dispoñibilidade para viaxar, dentro da Comunidade Autónoma galega e no exterior.
- Dispoñer do equipo necesario para seguir a formación on-line.
- Darse de alta como autónomo antes do 10 de novembro de 2014.
Os interesados, deben
inscribirse con data límite 30 de outubro de 2014.
Data presentación do programa aos candidatos: 3 de novembro de 2014 (10:00 h no salón de actos de edificio do Sergas. Barrio San Lázaro, Santiago de Compostela).
Programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) de acordo co establecido no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2007-2013, Eixe 1, Tema Prioritario 62.
Temas relacionados: