Facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade, todo isto a través de axudas para a contratación e formación.
Concorrencia non competitiva
As persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
Requisitos. Bono de contratación para incentivar a contratación indefinida inicial ou a temporal cunha duración mínima de doce meses:
1. A persoa traballadora por quen se solicita a subvención debe ser unha persoa desempregada, segundo o establecido no artigo 5 desta orde.
2. Como consecuencia da contratación inicial que se fomenta, tense que incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.
3. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se produzan por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas, ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.
Serán subvencionables as contratacións indefinidas iniciais e as temporais cunha duración inicial mínima de doce meses realizadas con persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade e persoas en risco de exclusión social, ou con persoas traballadoras procedentes dun centro especial de emprego.
Estas contratacións deben formalizarse entre o 1 de outubro de 2017 e o 15 de outubro de 2018.
As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas contratadas por medio do programa de bono de contratación.
* Bono contratación
A contratación indefinida inicial incentivarase cun bono de 4.000 euros cando a persoa desempregada se encontre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Persoas desempregadas de longa duración
- Persoas en situación ou risco de exclusión social
- Persoas con discapacidade
Esta contía incrementarase nun 25% nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.
Deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 8.000 euros.
* Bono formación
A formación incentivarase cunha axuda de 1.000 euros por cada persoa contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 22 desta orden.
O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo dun mes desde a data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita a axuda.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior, de acordo co anexo I-A da convocatoria.
Orde do 22 de decembro de 2017 (DOG nº 24 do 2/02/2018) - Bases reguladoras 2018
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Coruña, A
Teléfono: 981544610 / 981957728
Fax: 981544678