Facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
Este programa incluirá dous tipos de axuda compatibles:
a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para os contratos cunha duración mínima de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis.
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras establecidas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, nin as entidades de formación.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estar incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Consello.
b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
i. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
ii. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.
d) Empresas que realizan actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
e) Axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
* PROGRAMA DE BONOS DE CONTRATACIÓN - Liña de axudas para incentivar a contratación por conta allea.
Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións cunha duración inicial mínima de doce meses que se celebren desde o 16 de decembro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018 con persoas desempregadas menores de 30 anos.
Requisitos:
1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser menor de 30 anos.
b) Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.
2. A xornada da contratación inicial será a tempo completo ou a tempo parcial, segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal. No caso da xornada a tempo parcial deberá de ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.
3. O contrato laboral será dunha duración mínima inicial de doce meses.
4. Como consecuencia da contratación que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.
Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
5. As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
* PROGRAMA DE BONOS DE FORMACIÓN - Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo.
Accións subvencionables e requisitos:
1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.
b) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 50 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato.
2. Para as contratacións realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data de publicación desta orde, a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
3. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
As contratacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada que cumpra os requisitos mencionados no artigo 22.
As contías establecidas no punto 1 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
- Se a persoa incorporada é unha muller.
- No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
- Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.
Bono formación:
Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa moza contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 22 da presente orde.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data de inicio da relación laboral, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2018.
1. As subvencións previstas no Programa de bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. As axudas previstas no Programa de bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.
3. Tanto as axudas establecidas no Programa de bono de formación como no Programa de bono de contratación previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles cos contratos para a formación e a aprendizaxe.
4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites do 80 % establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Orde do 27 de marzo de 2018 (DOG Nº72 do 13/04/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018
SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO
SUBDIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO
SERVIZO DE EMPREGO POR CONTA ALLEA
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfono: 981544610 / 981957728 Fax: 981544678