A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas novas desempregadas que figuren inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como interesadas en recibir as accións executadas no contexto da Garantía Xuvenil e que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive
As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no Imposto de Actividades Económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037), sempre que cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
b) Non ter traballado no día anterior á data de inicio de actividade actividade laboral.
c) Ter solicitada a alta como persoa traballadora autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
d) Terse dado de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
e) Non percibir subvencións ao abeiro dos distintos programas de promoción do emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación de concesión da resolución da anterior subvención.
f) Non desenvolver como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivese de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará a persoa traballadora autónoma colaboradora.
As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídos deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura.
b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na listaxe do anexo I do Tratado.
c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta nos produtores primarios.
d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Plan de viabilidade do proxecto empresarial, que contará como mínimo:
Curriculum vitae da persoa solicitante.
Presentación e descrición do proxecto empresarial, liñas de negocio, produtos e servizos, elementos innovadores ou diferenciadores.
Análise do mercado, onde se vai desenvolver a actividade. Deberá constar: análise da competencia, da demanda e proveedores, así como unha análise das fortalezas e debilidades.
Balance provisional de ingresos e gastos dos tres primeiros exercicios económicos.
Fontes de financiamento alleas á subvención solicitada.
Este plan estará informado por entidade independente entre as cales figuran a Unidade Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local.
1. Co obxecto de axudar as persoas desempregadas ao inicio e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese unha contía base de 4.000 euros para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias.
2. Esta contía base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.
d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
3. Deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 8.000 euros.
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2017. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
1. A subvención establecida neste programa é incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, nos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
2. Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.
Orde do 18 de xullo de 2017 (DOG Nº148 do 04/08/2017) - Bases e convocatoria 2017
XEFATURAS TERRITORIAIS DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A
Teléfono: 881881597 Fax: 881881576
Ronda da Muralla nº 70 baixo
27071 Lugo
Teléfono: 982294385 Fax: 982294258
Avda. da Habana, nº 79 - 7ª
32004 Ourense
Teléfono: 988386810 Fax: 988386770
Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2ª
36201 Vigo
Teléfono: 986817685 / 986817632 Fax: 986817010
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).