Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, a fin de que poidan cumprir a súa función social.
Tipos de axuda.
1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:
a) Á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
b) Á contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EIL.
c) Á contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.
d) Á creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.
e) Ao inicio e á posta en marcha da actividade.
f) Á asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.
g) Á formación para as persoas en proceso de inserción.
h) Á mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou en risco de exclusión social.
2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras c) e f) deste artigo.
3. Se a subvención a solicitasen as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.
4. Co obxecto de que as axudas contidas nesta orde poidan chegar a todas as empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras, establécese para cada unha delas un límite inicial de concesión do 15 % do total do orzamento consignado na convocatoria, sen prexuízo de que, unha vez finalizado o prazo de solicitudes e resoltos todos os expedientes, se poida ratear o importe do remanente de crédito entre as empresas cuxas solicitudes superasen o límite inicial do 15 %. Igualmente, procederase á repartición proporcional no caso das ampliacións de crédito que se poidan realizar ao abeiro do artigo 2.5 desta orde.
As entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos na orde de convocatoria.
Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá proceder ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse ás seguintes empresas:
a) As que operen no sector da pesca e acuicultura.
b) As dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) As que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.
d) As dedicadas ás actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
e) Empresas nas que as axudas estean condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
1. Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.
2. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas. Subvención do 50% dos custos laborais totais. O importe da subvención será de ata 8.000 euros anuais, polo total do período subvencionable do 1 de outubro de 2017 a 30 de setembro de 2018.
Non obstante, esta contía poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:
a. Un 25% se a persoa contratada é unha muller
b. Un 25% no caso de que o centro de traballo no que se incorpora a persoa traballadora estea situado no concello rural
c. Un 25% no caso da contratación de persoas maiores de 45 anos.
De aplicarse todos os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas, será de 14.000 euros.
3. Subvención pola contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción. Subvención ás empresas de inserción laboral e ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral do 50% dos custos laborais totais, e terá como límite máximo, por todas as contratacións a contía de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción. A contía máxima da subvención non poderá superar os 12.000 euros anuais por persoa técnica de inserción polo total do período subvencionable.
Non obstante, esta contía poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:
a. Un 25% se a persoa contratada é unha muller
b. Un 25% no caso de que o centro de traballo no que se incorpora a persoa traballadora estea situado no concello rural
c. Un 25% no caso da contratación de persoas maiores de 45 anos.
De aplicarse todos os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas, será de 21.000 euros.
4. Subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. Subvención do 80% do custo total do investimento en inmobilizado material ou intanxible, excluídos os impostos que graven a adquisición. O importe máximo determinarase en atención aos postos de traballo creados e ocupados por persoas en proceso de inserción ata un máximo de 12.000 euros por posto de traballo, en concorrencia coa subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
O incentivo base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:
Un 25% se a persoa contratada é unha muller
Un 25% no caso de que o centro de traballo no que se incorpora a persoa traballadora estea situado no concello rural
Un 25% no caso da contratación de persoas maiores de 45 anos.
Cando unha EIL reciba esta subvención por un proxecto de investimento sen acadar o máximo de financiación, poderá solicitar unha nova subvención referida ao mesmo proxecto na seguinte convocatoria ata acadar o límite máximo do 80% do investimento, excluídos impostos, sempre e cando xenere novos postos de traballo que impliquen un incremento do cadro de persoal.
5. Subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. Subvención do 80% do custo total do investimento en inmobilizado material ou intanxible, excluídos os impostos que graven a adquisición. O importe máximo determinarase en atención aos postos de traballo creados e ocupados por persoas en proceso de inserción ata un máximo de 12.000 euros por posto de traballo, en concorrencia coa subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
6. Subvención para a asistencia técnica para a creación mellora e diversificación de EIL. Esta axuda está destinada a financiar ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral, os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral e ás empresas de inserción, os custos dirixidos á mellora, reorientación e diversificación da actividade empresarial.
A contía desta subvención será equivalente ao 80% do custo total dos servizos realizados, cun límite máximo que varía en función dos seguintes costes elixibles:
a. Máximo 6.000 euros: Estudos de mercado, os estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e os labores de asesoramento e consultaría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral , a apertura de novos mercados e a reorientación ou diversificación a actividade empresarial
b. Máximo de 1.500 euros: Auditorías contables non obrigatorias que analizarán a viabilidade económica e a boa xestión da empresa.
c. Máximo de 1.500 euros.:Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social
d. Costes derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. Máximo 1.000 euros para a certificación e 1.000 euros para a implantación. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.
7. Subvención á formación para as persoas en proceso de inserción. Subvención destinada a financiar parcialmente a formación impartida por entidades alleas ás empresas de inserción laboral, relacionada co itinerario de inserción laboral da persoa en situación ou risco de exclusión social para mellorar os coñecementos sobre as funcións propias da súa profesión ou aquela formación para adquirir coñecementos que, sen ter relación cos estudos e a actividade laboral previa, complementen esta e melloren a súa empregabilidade.
A contía da subvención será o 100% do custo dos servizos, cun límite máximo por empresa de inserción laboral de 3.000 euros.
8.Subvención pola realización de labores de mediación laboral. Subvención de 6.000 euros á empresa de inserción laboral pola contratación indefinida da persoa en proceso de inserción na empresa ordinaria ou pola transformación do contrato en inserción nun contrato indefinido na mesma empresa de inserción laboral.
A mesma contía se aplicará no caso de acompañamento á persoa en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego ou na súa incorporación como socio traballador a unha sociedade cooperativa ou laboral.
Subvención de 2.000 euros pola contratación temporal na empresa ordinaria igual ou superior a un ano.
O prazo de presentación das solicitudes das axudas previstas nesta orde rematará o 15 de outubro de 2018.
1. As axudas previstas no artigo 25 desta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, de ser o caso, cos incentivos en forma de bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.
2. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada e o límite previsto no artigo 24 desta orde.
Orde do 2 de xaneiro de 2018 (DOG Nº1 do 02/01/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO
SUBDIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO
SERVIZO DE INTEGRACIÓN LABORAL
Edificios Administrativos San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfono: 981544682 / 981957732 Fax: 981544678