O obxecto deste programa é favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral das mulleres traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo, a través dos seguintes tipos de incentivos:
- Axudas ás contratacións indefinidas iniciais que se realicen con traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º.
- Axudas ás transformacións en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, calquera que sexa a data da súa celebración, sempre que no momento da contratación temporal a muller fose maior de 31 anos.
Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea traballadoras pertencentes aos colectivos relacionados no artigo 3º para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas.
As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle correspondan á agrupación.
Todos
As empresas deberán cumprir as seguintes condicións e requisitos:
a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención, deberá ser igual ou superior ao 75%.
Para os efectos do anterior, entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.
b) Como consecuencia da contratación indefinida, inicial ou transformación, que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral, sendo unicamente subvencionables as contratacións que superen a dita media.
Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal fixo, non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.
c) As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data de inicio da prestación laboral pola que se solicita subvención.
Colectivos:
Defínense como colectivo beneficiario as mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Mulleres desempregadas de longa duración: toda muller que estivera sen traballo 12 dos anteriores 16 meses, ou durante 6 meses dos anteriores 8, se fose maior de 45 anos.
b) Mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares ou desempregadas de unidades familiares nas que ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude.
c) Mulleres desempregadas, cando se contraten para prestar servizos en profesións ou ocupacións nas que estean subrepresentadas segundo a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro) para o fomento do emprego estable de mulleres nas profesións e ocupacións con menor índice de emprego feminino.
d) Mulleres desempregadas que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun mínimo de dous anos.
e) Mulleres desempregadas que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á data do parto.
f) Mulleres desempregadas demandantes de primeiro emprego.
g) Mulleres demandantes de emprego que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación e sexan contratados nela.
h) Mulleres emigrantes retornadas que reciban actuacións en materias de políticas activas de emprego.
i) Mulleres desempregadas que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores.
Axudas:
As contratacións indefinidas iniciais, a xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, incentivaranse cunha axuda pagadoira por unha soa vez de 7.500 euros cando a muller contratada pertenza a algún dos seguintes colectivos:
a) Mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares ou mulleres desempregadas de unidades familiares en que ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude.
b) Mulleres desempregadas, cando se contraten para prestar servizos en profesións ou ocupacións en que estean subrepresentadas segundo a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro), para o fomento do emprego estable de mulleres nas profesións e ocupacións con menor índice de emprego feminino.
c) Mulleres desempregadas que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun mínimo de dous anos.
d) Mulleres desempregadas que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á data do parto.
e) Mulleres desempregadas demandantes de primeiro emprego.
f) Mulleres demandantes de emprego que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación e sexan contratadas nela.
g) Mulleres desempregadas que sexan emigrantes retornadas.
h) Mulleres desempregadas procedentes de empresas en crise ou que procedan de empresa pertencentes a sectores en reestructuración, segundo os CNAE definidos no anexo VI.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 15 de setembro de 2009, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.
O 31 de marzo de 2009 remata o prazo para a presentación das solicitudes de axudas polas contratacións indefinidas iniciais de mulleres desempregadas pertencentes aos colectivos establecidos no artigo 3º e polas transformacións en indefinidos de contratos temporais que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nesta orde, se realizasen entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde.
Orde do 11 de abril de 2008 (DOG Nº73 do 16/04/2008) - Convocatoria 2008
Orde do 30 de decembro de 2008 (DOG Nº10 do 15/01/2008) - Convocatoria 2009
Consellería de Traballo - Dirección Xeral de Promoción do Emprego - 981 95 77 27
Para a presentación das solicitudes de axudas, os beneficiarios poderán contar coa información e asesoramento dos axentes de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es)