Fomentar e promover a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) e inscritos no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.
Subvención á creación directa de emprego estable
Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación
Apoio á función xerencial
Subvención financeira
Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade
Actividades vinculadas aos novos viveiros de emprego.
Empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que
adopten, incluídos autónomos/as e sociedades civís e comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
Todos, excepto:
a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.
b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.
Tipos de axuda:
Subvención á creación directa de emprego estable
Os postos de traballo de carácter indefinido creados, incluídos os das propias persoas promotoras, deberán ser ocupados por persoas desempregadas inscritas como tales no Servizo Público de Emprego. A contía da subvención será de:
A. 4.800 euros para desempregados en xeral.
B. 5.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.
C. 5.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 5.600 euros para mozas desempregadas de 30 ou menos anos.
E. 6.000 euros para persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, persoas desempregadas de longa duración, emigrantes retornados/as, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social e persoas desempregadas con discapacidade.
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.
Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012.
Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
Subvención equivalente ao 50% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de doce mensualidades.
A subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións realizadas ou que se van a realizar desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, a contía de 18.000 euros.
Esta subvención é incompatible coa subvención á creación directa de emprego estable para as mesmas persoas traballadoras.
Apoio á función xerencial .
Para o acompañamento na instalación da empresa, poderase financiar o apoio ás funcións xerenciais para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa.
O dito apoio poderá consistir nas modalidades de titoría, formación e realización externa de estudios e informes sobre a actividade.
A contía da subvención será de ata o 75% do custo dos servicios recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas. .
Subvención financeira.
Redución dos xuros de préstamos necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como iniciativas de emprego tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.
A subvención será de ata catro puntos do tipo de xuro, fixo ou variable, fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia e terá como límite a contía de 5.100 euros por emprego estable creado ou que se vaia crear desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012.
O importe desta subvención deberá destinarse á amortización do principal do préstamo.
Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar e deberán formalizarse no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2012.
Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Para aquelas iniciativas de emprego que supoñan a creación directa de emprego estable para unha persoa desempregada inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.
Esta axuda consistirá nunha subvención para o financiamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade.
O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados ou que se van a crear desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, de acordo coa seguinte escala: .
De 1 a 2 postos de traballo: 20.000 euros.
De 3 a 10 postos de traballo: 36.000 euros.
De 11 a 20 postos de traballo: 52.000 euros.
21 ou máis postos de traballo: 68.000 euros.
O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables, as contías máximas establecidas nas escalas anteriores, e as contías de 6.000 euros por posto de traballo estable creado ou a crear para desempregados en xeral, de 8.000 euros para mozos ou mozas de 30 ou menos anos ou para mulleres.
Se ademais a iniciativa local de emprego ten o seu domicilio social e centro de traballo nun concello rural estas contías incrementaranse en 2.000 euros por posto de traballo estable creado.
Serán subvencionables os gastos de constitución da empresa, a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións.
Actividades vinculadas aos novos viveiros de emprego..
Cando a actividade produtiva principal das empresas cualificadas como iniciativas de emprego se inscriba dentro dos ámbitos dos novos viveiros de emprego (servizos da vida diaria, servizos de mellora do marco de vida, servizos culturais e de lecer, servizos de ambiente), terán dereito a un incremento do 10 % da contía das subvencións reguladas na orde e co límite máximo dos gastos subvencionables acreditados no expediente (artigo 11º da orde de convocatoria).
O prazo xeral para a presentación das solicitudes de todos os tipos de axudas deste programa será dun mes desde o día seguinte á publicación da orde de convocatoria no DOG (24/08/2012) .
1. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.
2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.
3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de iniciativas emprendedoras e de emprego, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, así como no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador/a dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.
4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos/as técnicos/as de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.
Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de minimis, establecido no Regulamento CE nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro).
Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.
Orde do 21 de agosto de 2012 (DOG Nº161 do 24/08/2012) - Bases reguladoras e convocatoria 2012
As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es
Para cubrir as solicitudes de subvención poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.
Para a presentación de solicitudes de axudas, as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos e das axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.
Consellería de Traballo - Tlfno: 981 957727, 981 957732, 981 544716, 981 544682, 981 957253