Contribuír á recuperación de destinos turísticos a través de axudas ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital para o ano 2021, co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica e incrementen a súa competitividade.
Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes do sector de hostalaría que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.
Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración.
1. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación, teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Así mesmo, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
3. Enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Así mesmo, terán a consideración de empresa, para os efectos de poder ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.
4. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
5. Non poderán obter a condición de beneficiaria:
- As entidades solicitantes que xa estaban en crise o 31 de decembro de 2019. Non obstante, poderán concederse axudas a microempresas ou pequenas empresas que xa estivesen en crise o 31 de decembro de 2019 sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.
En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as entidades solicitantes presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
- Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
- Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
onsideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento emitidos en datas non incluídas no dito período.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021 con respecto aos conceptos seguintes:
1.1. Instalación de novos PMS (Property Management System).
1.2. Integración de PMS actuais.
1.3. Instalación de novos CRM (Customer Relationship Management) integrados con PMS.
1.4. Instalación de novos CRM non integrados con PMS.
1.5. CMR integrado con PMS e ferramentas de Big Data e Chatbots intelixentes.
1.6. Produtos/servizos de márketing orientados a captar e fidelizar novos mercados e clientes:
- Estudos de mercado (internacionalización, análise de competencia, benchmarking...).
- Estudos de comportamento e satisfacción de clientes (enquisas, mistery shopper, focus group...).
- Sistemas de marketing automation.
- Xestión profesionalizada de RR.SS. (redes sociais).
- Publicidade en liña.
- Campañas publicitarias con prescritores.
- Reportaxes fotográficas e de vídeo.
- Revisión das APPCC (análises de perigos e puntos control crítico).
1.7. Web corporativa con motor de reservas.
1.8. Adquisición de hardware informático.
1.9. Gastos de persoal:
- Sistemas de control do teletraballo.
1.10. Equipamento tecnolóxico:
- Equipamento tecnolóxico, directo ou indirecto, que poida servir de apoio ou difusión no control da pandemia.
- Equipamento tecnolóxico tanto básico (equipamentos informáticos, software, comunicacións, etc.) como específico.
2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais, nin ningún outro fóra dos especificados no punto dous deste artigo.
O importe da subvención será do 100 % para un gasto subvencionable de ata 15.000,00 euros por persoa beneficiaria.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Resolución do 23 de setembro de 2021 (DOG nº 185 do 24/09/2021) - Bases reguladoras
Axencia Turismo de Galicia
Estrada Santiago _Noia Km. 3 (A Barcia)
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815334
Email: fomento.turismo@xunta.gal
As persoas interesadas achegarán coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación para a tramitación do procedemento:
a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar no nome da entidade solicitante.
b) Memoria explicativa en que se defina de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver.
c) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución.
d) Documentación oficial que acredite os empregados da empresa solicitante no momento da solicitude.
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 10 de decembro de 2021.