As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades e empresas para a mellora das infraestruturas de establecementos de aloxamento.
Subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva suxeita ao réxime de mínimis.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as entidades ou empresas que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
As anteditas persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberase acreditar esta condición coa presentación da solicitude.
Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario a realizar o investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade.
3. Deberase acreditar unha antigüidade no exercicio da actividade no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda. Admitiranse as modificacións de titularidade por sucesión familiar ata o cuarto grado incluído de consanguinidade ou afinidade durante o dito período.
4. Os requisitos para ser beneficiario deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
6. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa subrogación do novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.
Turismo.
Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018.
En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística.
3 Actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
4 Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
5. Actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións, así como embelecemento do contorno.
6. Renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros.
Enténdese por investimento neto o importe facturado una vez deducido o imposto sobre o valor engadido.
Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
Serán gastos subvencionables os seguintes:
a) Servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
b) Bens de equipamento, comprendidos no proxecto, que deben ser empregados mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra. Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra estas condicións.
Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:
a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
b) Gastos correntes da empresa, así como enxoval de cociña e comedor (vaixela, xogo de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios).
c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría...).
d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
e) Gastos de conectividade.
f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 35 % sobre o investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 35.000 euros.
A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:
61-100 puntos - 35% axuda
41-60 puntos - 30 % axuda
20-40 puntos - 25 % axuda
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
Estas axudas son compatibles coa percepción de outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei de subvencións de Galicia.
Resolución do 2 de xaneiro de 2018 (DOG Nº16 do 23/01/2018) - Bases reguladoras
PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
Axencia Turismo de Galicia
DIRECCIÓN DE COMPETITIVIDADE
ÁREA DE FOMENTO E DESENVOLVEMENTO EMPRESARIAL
A Barcia, Carretera Santiago-Noia, km. 3,
15897 Coruña, A
Teléfono: 981546363 / 981546364
Fax: 981546371
http://www.turismo.gal