El plazo de presentación finalizó el 08/06/2013

SUBVENCIÓNS PARA INCENTIVAR O TURISMO MEDIANTE A MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS DO GRUPO I, ALBERGUES TURÍSTICOS, EMPRESAS DE SERVIZOS TURÍSTICOS COMPLEMENTARIOS E RESTAURANTES (TU983M)

Finalidad / Objetivo

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades privadas para a mellora das infraestruturas de hoteis grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes.

Tipos de apoyo

Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciales

As persoas físicas, as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantíl ou civil e as comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizada ou clasificada, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT) a actividade turística para a cal se solicita a axuda.

Os anteditos beneficiarios deben estar comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Co¬misión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT, relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Sectores incentivables

Hoteis grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes.

Requisitos principales del proyecto

Que teñan autorizada ou clasificada, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT) a actividade turística para a cal se solicita a axuda, con base nos arti¬gos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Inversiones o gastos computables

Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
• Actuacións relativas á modernización das instalacións.
• Actuacións destinadas ao aumento da categoría do establecemento.
• Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
• Actuacións destinadas á renovación, tecnificación e innovación que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental.

• Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter a certificación de calidade.

As accións de mellora abranguen actuacións de modernización e remodelación de todas as instalacións. A mellora subvencionable non poderá supor un incremento superior ao 10 % das prazas autorizadas pola Administración turística. As actuacións previstas que excedan o dito 10 % non serán subvencionables. En todo caso, presentará a desagregación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención. No caso de ter desfrutado dunha subvención semellante nos últimos 5 anos, non poderá incrementarse ningunha praza.

En ningún caso se financiarán as obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría ...).

Considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan para a mellora dos establecementos obxecto desta resolución. Igualmente, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra.

Para os efectos do cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos non serán superiores ao 8 % do orzamento de execución material subvencionable.
Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado etc. ...). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as ditas condicións.

Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución a adquisición de terreos.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Cuantía de las ayudas

Os proxectos subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40 % sobre o investimento subvencionable. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente o en concorrencia con outras subvenciones, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006), deberase garantir que no caso de recibir o bene¬ficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia aos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Referencia legislativa

Orde do 29 de abril de 2013 (DOG Nº88 do 8/05/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013

Información y tramitación en

Información na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia (http://turismo.xunta.es/).

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Observaciones

No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Axencia Turismo de Galicia orixinal ou copia compulsada da documentación xustificativa.