Establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2014 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
Axudas en réxime de concorrencia
Os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2014 e liñas gandeiras dos plans 2013 e 2014, formalizadas no 2014, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de piscifactorías de troitas.
As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Sector agrario
A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa de desenvolvemento.
A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.
Liñas de seguros establecidas no Anexo.
1. Para o ano 2014 a subvención da Consellería do Medio Rural e do Mar queda establecida para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a esta orde do seguinte xeito:
a) Para todas as liñas, incluídas as do seguro crecente, agás as dos seguros de retirada de cadáveres, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica no anexo.
b) Para as liñas dos seguros de retirada de cadáveres correspondentes aos seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre o custo neto do seguro especificado no anexo.
As subvencións terán os seguintes límites:
a) A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural e do Mar non poderá sobrepasar un límite xenérico do 80 % do custo neto do seguro.
b) Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguintes contías:
1. Seguros de explotación de producións gandeiras e acuícolas: 65 %.
2. Seguro de explotación de producións agrícolas: 65 %.
Aberto todo o ano.
A concorrencia das axudas das administracións públicas non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais.
Orde do 27 de marzo de 2014 (DOG nº 68 do 08/04/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
DIRECCIÓN XERAL DE PRODUCIÓN AGROPECUARIA
SUBDIRECCIÓN XERAL DE APOIO ÁS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS
SERVIZO DE SANIDADE E PRODUCIÓN VEXETAL
Rúa dos Irmandiños, s/n
15701 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Teléfono: 881997441 Fax: 881997442
Para máis información acudir aos SERVIZOS AGRARIOS COMARCAIS.