El plazo de presentación finalizó el 01/07/2021

IG240 - AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 (2021)

Finalidad / Objetivo

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

As axudas ás pemes do título II das bases reguladoras anexas á presente convocatoria son susceptibles de ser financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de produtividade CO01–Número de empresas que reciben axudas.
– Indicador de produtividade CO02-Número de empresas que reciben subvencións.
– Indicador de produtividade CO05--Número de novas empresas beneficiarias da axuda.
Indicadores de resultado:
– Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.
– Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Tipos de apoyo

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.
No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única a efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Presentarase unha solicitude por cada tipo de proxecto dos definidos no artigo 5. No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un ou máis proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007.
c) As empresas que a 31 de decembro de 2019, estiveran dentro da categoría de empresas en crise, e manteñan actualmente esa condición. Utilizarase para esta comprobación a definición do artigo 2.18 do Regulamento Xeral de Exención (Regulamento CE 651/2014). De acordo co Marco Temporal Nacional, si se poderán conceder axudas a empresas que entraran na categoría de empresas en crise con posterioridade ao 31/12/2019.
d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

6. O Igape realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise, tendo en conta as condicións do Marco Temporal.

Requisitos principales del proyecto

1. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º) Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
2º) Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares) e ciberseguridade.
3º Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

2. Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobro da subvención. Enténdese que os proxectos están finalizados cando exista a capacidade de interconexión multiempresa de procesos no caso dos proxectos colectivos ou cando as interfaces podan conectar á solicitante con outra ou outras empresas, ou ben os sistemas de dixitalización estean implantados e operativos, no caso de proxectos individuais. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

3. Os proxectos deberán ser técnica e economicamente viables para a empresa solicitante.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 euros.

Cualificación requerida del proyecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Calidade técnica do proxecto: ata 54 puntos, que se avaliarán con ata 9 puntos por cada un dos seguintes parámetros:

i. Grao de análise previa da situación e coherencia da solución proposta coa dita análise.
ii. Viabilidade do proxecto: grao de viabilidade técnica e económica, axuste da solución proposta á empresa solicitante e correlación entre o proxecto e os investimentos e gastos propostos.
iii. Implantación de sistemas xa desenvolvidos e probados na realidade empresarial.
iv. Melloras competitivas esperadas. Estimación cualitativa e cuantitativa, que se avaliará en función da coherencia entre o proxecto e os resultados previstos.
v. Nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada que afecten a maior cantidade de ámbitos da empresa, a ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto.
vi. Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e a concreción de obxectivos.

2º. Grao de interoperabilidade do proxecto: ata 36 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Número de empresas beneficiarias do proxecto: 4 puntos por empresa ata un máximo de 16 puntos (para proxectos individuais: 4 puntos).
ii. Intensidade no nivel de interacción dos procesos entre empresas: ata 10 puntos, que se asignarán en función da cantidade e importancia de procesos interempresariais a que se aplique a dixitalización proposta, así como ao nivel de dixitalización conseguido co proxecto.
iii. Diversidade, en canto á posición na cadea de valor sectorial, dos participantes da interacción entre empresas proposta: ata 10 puntos que se avaliarán asignando un máximo de 3 puntos por cada posición diferente na cadea de valor de cada empresa que se interconecta –sexa ou non beneficiaria da axuda–, en función da importancia da súa participación no proxecto.

Na avaliación deste criterio as empresas vinculadas entre si contarán como unha única.

3º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4º. Proxectos das modalidades dos artigos 5.1.a), 5.1.b).1 e 5.1.b).2, con importe subvencionable superior a 50.000 euros e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID: 5 puntos.

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º, 3º e 4º por esa orde. Se aínda así segue a existir empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se incluirá no formulario electrónico de solicitude.

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para seren aprobados:

Modalidades dos artigos 5.1.a), 5.1.b).1º: 50 puntos.

Modalidades dos artigos 5.1.b).2º, 5.1.b).3º: 30 puntos.

Inversiones o gastos computables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos.

b) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultaría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

c) Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado. Admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante a vixencia da axuda, sempre que se aboe polo solicitante no período de gasto subvencionable. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable a pro rata. Para comprobar que se trata dun produto estándar de mercado, será necesario acreditar, como mínimo, a existencia dunha páxina web pública dispoñible na internet onde se explique as características do software e as condicións en que se comercializa.

d) Nos proxectos da modalidade do artigo 5.1.a, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

e) Nos proxectos das modalidades dos artigos 5.1.a, 5.1.b.1 e 5.1.b.2, con importe subvencionable superior a 50.000 euros e que sexan coordinados por un Hub de Innovación Dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia Galega de HID, 5.000 euros en concepto desta coordinación.

f) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase en base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

2. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

3. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

4. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

5. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal.

7. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

8. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

9. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Cuantía de las ayudas

1. A subvención será do 50% dos gastos subvencionables. No caso de empresas dos sectores industriais da automoción, téxtil-moda e industria auxiliar do naval, segundo o listado de IAEs establecido no Anexo V, os proxectos poderán acadar unha axuda do 70% dos gastos subvencionables, tanto en proxectos individuais como formando parte dun proxecto colectivo. Para poder superar a axuda do 50% dos gastos subvencionables e acadar o 70%, as pemes correspondentes a estes sectores deberán acreditar unha caída de ingresos mínima do 25% no ano 2020 respecto aos ingresos do 2019. Concederase unha subvención máxima de 1.800.000 euros por empresa, ou 270.000 euros cando a empresa estea activa nos sectores da pesca e da acuicultura, ou 225.000 euros cando a empresa estea activa na produción primaria de produtos agrícolas.

2. Para os gastos consignados no apartado 7.1.e: gastos de coordinación por un DIH estratéxico, a axuda será do 100% en todos os casos.

3. A axuda concédese ao abeiro do Marco Nacional Temporal. Polo tanto, debe garantirse que, de recibir a empresa outras axudas ao abeiro deste marco, non se supera o límite correspondente (1.800.000 euros, 270.000 euros ou 225.000 euros segundo a actividade). Para tal efecto, solicitarase unha declaración responsable sobre calquera axuda recibida ao abeiro deste Marco.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, con arranxo ao documento en que se establezan as condicións da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

Referencia legislativa

Resolución do 18 de maio de 2021 (DOG Nº101 do 01/06/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2021
Resolución do 17 de decembro de 2021 (DOG Nº245 do 23/12/2021) - Modificación orzamento

Información y tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es
- ou en informa@igape.es


* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

4. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.
b) As tres ofertas que, se é o caso, , deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.4 e 7.6 destas bases reguladoras.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 6.
e) Para pemes dos sectores industriais de téxtil-moda, automoción e industria auxiliar do naval, contas do ano 2019 e 2020 depositadas no Rexistro Mercantil, no caso de que as contas do ano 2020 aínda non estiveran depositadas no momento da solicitude, contas asinadas polos administradores da empresa.

Observaciones

O prazo de execución dos proxectos de dixitalización das empresas (IG240) non poderá superar o 15 de novembro de 2022.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2021 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2021 ou anterior, e como máis tarde o 15 de novembro de 2022 no resto dos proxectos.

O prazo para solicitar anticipos será ata o 15 de novembro de 2021 para gastos da anualidade 2021, e ata o 15 de xuño de 2022 para gastos da anualidade 2022.
Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. O importe anticipado no 2021 debe xustificarse con gastos realizados na mesma anualidade do anticipo.