O Igape está valorando a posibilidade de publicar unha convocatoria de axudas dirixidas a investimentos de maior envergadura, levadas a cabo por pemes galegas, para a fabricación de produtos que sirvan para combater o abrocho do COVID-19, desde medicamentos e os seus produtos intermedios, ata os equipamentos de protección individual, importantes principalmente para o persoal sanitario que está a combater en primeira liña os afectados fisicamente polo virus, pero tamén para os traballadores e as persoas en xeral, que necesitan protexerse ou protexer fronte ao contaxio.
Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas e para os efectos de dispor da suficiente información para o seu deseño, alcance e planificación orzamentaria, considérase necesario efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que as pemes galegas que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento para a fabricación dos referidos produtos, indicando as súas características.
O Igape está estudando a convocatoria de axudas dirixidas ás pemes galegas que leven a cabo investimentos para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19 nos seus centros produtivos da Comunidade Autónoma.
No relativo a subvencións directas, o Marco temporal, na súa sección 3.8., establece os seguintes requirimentos:
1. As axudas aos investimentos concédense para a produción de produtos relacionados co COVID-19, como os medicamentos (incluídas as vacinas) e os tratamentos, os seus produtos intermedios, os ingredientes farmacéuticos activos e as materias primas necesarias para a súa produción; de produtos sanitarios, equipamentos hospitalarios e médicos (incluídos os respiradores, a roupa e o equipamento de protección e as ferramentas de diagnóstico) e as materias primas necesarias para a súa produción; dos desinfectantes e os seus produtos intermedios, así como das materias primas químicas necesarias para a súa produción; e das ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.
2. As axudas en forma de subvencións directas poden concederse, como máis tarde, o 31 de decembro de 2020.
3. Para os proxectos iniciados a partir do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador. Para os proxectos iniciados antes do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador se é necesaria para acelerar ou ampliar o alcance do proxecto; en tales casos, só se poderá solicitar a axuda para sufragar os custos adicionais relacionados cos esforzos de aceleración ou ampliación do alcance.
4. O proxecto de investimento deberá completarse nos seis meses seguintes á data de concesión da axuda. Un proxecto de investimento considérase completado cando as autoridades nacionais o aceptan como tal. No caso de que non se cumpra o prazo de seis meses, por cada mes de atraso reembolsarase o 25% do importe da subvención directa concedida.
5. Os custos subvencionables refírense a todos os custos de investimento necesarios para a produción dos produtos enumerados no punto 1 anterior e aos custos dos ensaios en liña das novas instalacións de produción.
6. A intensidade de axuda non superará o 80 % dos custos subvencionables, nin o importe de axuda excederá os 800.000 euros por empresa por todos os conceptos de axuda global amparados no referido marco temporal. No caso de que a empresa pertenza ao sector da pesca e acuicultura, o anterior límite é de 120.000 euros e, se a empresa pertence ao sector da produción primaria, o límite é de 100.000 euros.
7. A intensidade máxima da axuda admisible en porcentaxe da subvención directa pode incrementarse en quince puntos porcentuais adicionais se o investimento conclúe nos dous meses seguintes á data de concesión da axuda, ou se o apoio procede de máis dun Estado membro.
8. A axuda no marco desta medida non poderá combinarse con outras axudas ao investimento polos mesmos custos subvencionables.
9. Non se pode conceder a axuda ás empresas que se atopasen en situación de crise en 31 de decembro de 2019.
A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.
Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo de catro días hábiles desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que as pemes que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían levar a cabo e suxestións sobre o marco de axudas que empregarán.
Resolución do 22 de abril (DOG Nº78 do 23/04/2020) - Invitación a manifestar o interese.
As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Investimento) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:
https://sede.xunta.gal (servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).
http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1 - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).
* Contido da manifestación de interese
Número máximo de páxinas: 20 (tipo de letra Arial, tamaño 11 puntos). Os contidos que aparecen a continuación deben entenderse como orientativos e poderán axustarse segundo as necesidades e grao de madurez do proxecto, respectando o límite de extensión que se indica.
1. Identificación do(s) interesado(s).
- Razón social, CIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.
- Actividade/s da empresa.
2. Tamaño da peme.
Cifras referidas a 2019: importe neto da cifra de negocios, balance total e número medio de traballadores.
3. Descrición do investimento proposto.
- Produtos que se fabricarán: descrición dos produtos fabricados ou que se pretende fabricar, relacionados co COVID-19.
- Capacidade técnica e experiencia da empresa para o desenvolvemento do proxecto e para alcanzar o obxectivo proposto, con indicación dos recursos e capacitación do persoal.
- Capacidade de produción por produto (referido a un período de tempo determinado) que se pretende alcanzar coa realización dos investimentos.
- Explicación razoada da correspondencia dos investimentos propostos coa produción dos produtos relacionados co COVID-19.
- Prazo estimado para a posta en marcha da produción e para a posta dos produtos no mercado.
- Estimación da demanda. Potenciais usuarios públicos e/ou privados. Descrición e cuantificación, de ser o caso, derivada de cartas de intencións, pedidos recibidos e/ou produtos facturados.
- Estimación da posibilidade de exportación dos produtos fabricados.
- Estimación da posibilidade de que o novo proceso produtivo se consolide como unha nova liña de produción estable na empresa. Alternativas de utilización dos investimentos proxectados no caso de finalización da necesidade ocasionada pola emerxencia sanitaria.
- Impacto do proxecto en termos de mantemento e creación de emprego.
- Implicacións ambientais do proxecto, de existiren.
- Relacións e sinerxías con outros proxectos ou iniciativas xa existentes.
4. Orzamento aproximado.
Deberase indicar, na medida en que se poidan calcular, as contías desagregadas de investimentos en activos fixos tanxibles e intanxibles, así como a súa periodificación, desagregadas por conceptos de investimento:
- Obra civil.
- Maquinaria.
- Ferramenta.
- Outros investimentos en activos fixos tanxibles.
- Activos fixos intanxibles relacionados co proxecto.
5. Encaixe no modelo de axudas proposto.
A partir do esquema do anexo II, pódense incluír consideracións sobre o encaixe do proxecto coas axudas, modificacións necesarias, proposta de criterios de avaliación, normativas habilitadoras de axudas máis axeitadas ao proxecto concreto e calquera outro comentario.