Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido a proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan.
Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva. Estas axudas incardínanse no réxime de axudas de minimis.
1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2015
Enténdese por cluster empresarial as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación cluster.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
4. Consideraranse asimesmo beneficiarias ás pemes que participen directamente nas accións subvencionadas e imputaraselles a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado.
Todos.
1.- Tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:
a) Misions empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país extranxeiro, sempre que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios. Mínimo 4 empresas
b) Accións (que beneficien máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios) do tipo de: participación en feiras ou en outros eventos expositivos (desfiles, catas,
) que teñan lugar no estranxeiro, excepto que nese evento estea programada outra participación agrupada subvencionada pola Xunta, a non ser que non se poida participar na acción por exceso de cupo ou outras causas non imputables ao solicitante da axuda. Mínimo 4 empresas.
c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores estranxeiros ou de empresas ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades empresariais galegas e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación, sempre que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector ou sectores complementarios. Mínimo 4 empresas
d) Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.
e) Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.
f) Plataformas sectoriais de internacionalización (accións para estudo de mercado, procura de clientes, promoción on-line, etc.) nas que se beneficie a máis dunha empresa galega (mínimo 5 empresas).
g) Xestión de tramitación de certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector determinado. Mínimo 5 empresas.
h) Xestión de licitacións internacionais que beneficien a máis dunha empresa galega dun sector determinado. Mínimo 3 empresas.
i) Proxectos cooperativos en destino para implantación promocional e prospección de mercados. Establecemento de oficinas de promoción en destino. Sempre que beneficien a un sector empresarial galego ou a máis dunha empresa galega (mínimo 5 empresas) do mesmo sector ou sectores complementarios
2.- So se concederá un expediente por un expediente por Organismo Intermedio beneficiario, no que se poderán incluír varias actuacións das mencionadas
3.- Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 5.000 euros.
4.- Debe tratarse de proxectos de promoción que se inicien en 2016 con execución de gasto entre o 4 de xaneiro e 29 de xullo de 2016 teñan ou non continuación a partir desa data. Non se admitirán proxectos que se inicien a partir do 29 de xullo de 2016 e que -polo tanto- soliciten só orzamento de 2017.
5.- No caso de que así o solicite o organismo, poderá terse en conta o proxecto presentado aos efectos de asignación de destino ao organismo solicitante, dun bolseiro do programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización, que o Igape aprobe a tal fin.
Considéranse conceptos subvencionables aqueles gastos facturados ao organismo intermedio e pagados por este.
Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:
a) Gastos de viaxes: (só para actuacións citadas nos apartados a), b) e c) do artigo 1.1.)
1º Viaxe á cidade de celebración do evento desde algunha cidade de España. Por motivos empresariais admitirase que se viaxe ou regrese dende outro país distinto de España, nese caso -en accións que se celebren fóra de Galicia- só se subvencionará o hotel do país no que se celebra a acción.
2º Hotel (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán pernoctas comprendidas entre as datas das accións cun maximo de 5 pernoctas.
O gasto subvencionable máximo polos conceptos anteriores por solicitante e por evento ven reflexado no anexo IV das presentes bases.
Só se admitirán os gastos de viaxe correspondentes a unha persoa do organismo intermedio ou de cada empresa da asociación que se desprace.
No caso de misións inversas teranse en conta os gastos de viaxe a Galicia desde outras cidades de España ou desde o estranxeiro de cada persoa participante na misión. Subvencionaranse tamén neste caso os gastos de hotel (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán pernoctas comprendidas entre as datas das accións cun maximo de 5 pernoitas. Teranse en conta para estos gastos os límites indicados no anexo IV.
3º Traslado en autobús ou minibús en grupo ás reunións ou visitas comúns de traballo ou institucionais. No caso de misións inversas tamén serán subvencionables gastos de taxi ou vehículo con o sin conductor para desprazamentos en Galicia.
b) Gastos de aluguer de espazos e servizos relacionados: (só para actuacións citadas nos apartados a), b) e c) do artigo 1.1.)
1º Aluguer e loxística de salas e outros espazos necesarios para a realización das accións.
2º Stand: aluguer de solo, stand, mobiliario e servizos inherentes.
3º Gastos de publicidade inherentes á acción promocional.
4º Intérpretes
5º Asistencia técnica para a organización de eventos.
6º Envío de mostras e catálogos.
c) Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino:
1º Asistencia técnica e traducción de documentación relacionada con licitacións, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes (só para actuacións citadas nos apartados g) e h) do artigo 1.1)
2º Deseño campaña de publicidade inserción nos medios de comunicación e asistencia externa para posicionamento en internet (community manager) (só no caso de que se implemente a mesma no periodo de execución destas bases). (só para actuacións citadas no apartado d) do artigo 1.1.)
3º Deseño, elabo¬ración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional. (só para actuacións citadas no apartado e) do artigo 1.1.)
d) Deseño, creación e aloxamento de páxina web. Aplicación soporte comercio electrónico. (só para actuacións citadas no apartado f) do artigo 1.1.). Non serán subvencionables os gastos de mantemento.
e) Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, e/ou seguemento de contactos iniciais (excepto para servizos ofertados pola rede Pexga). (só para actuacións citadas nos apartados a), b) e c) do artigo 1.1.)
As empresas que presten este tipo de servizos descritos neste apartado deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.
Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais de España no estranxeiro, cámaras de comercio españolas no exterior, cámaras de comercio estranxeiras ou por algún outro organismo empresarial do tipo dos contemplados como beneficiarios no artigo 4.1 destas bases.
Esta condición acreditarase no momento da xustificación da subvención.
f) Compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación (só para actuacións citadas no apartado d) do artigo 1.1
g) Bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectorial. (só para actuacións citadas no apartado f) do artigo 1.1
h) Gastos de aluguer de oficinas durante o periodo de vixencia destas bases (só para actuacións citadas no apartado i) do artigo 1.1
Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:
a) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
b) Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.
c) Gastos de actuacións dirixidas ao ámbito nacional.
d) Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referi¬dos á actuación concreta que se propón para a subvención.
e) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
f) Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.
Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados e pagados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 4 de xaneiro de 2016 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 4 de xaneiro de 2016) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do prazo máximo de execución indicado na resolución de convocatoria.
Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no segundo semestre do exercicio 2015 esixidos en concepto de reserva para accións realizadas no exercicio 2016.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do com¬promiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben.
Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou a peme beneficiaria final ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.
En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
No caso de participación en accións agrupadas organizadas por ICEX só se subvencionarán conceptos subvencionables non subvencionados por este organismo polo que se requirirá convocatoria ou escrito deste organismo no que se manifeste cales son os conceptos de gasto subvencionados.
Todos os gastos deben ser facturados ao organismo intermedio solicitante e pagados por dito organismo. Non se admiten pagos en efectivo.
A intensidade de axuda será do 90 % de subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención máxima de 150.000 euros por beneficiario e convocatoria.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 rematará o 2 de marzo de 2016.
Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto ata o 100% do gasto subvencionable.
Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.
Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº248 do 30/12/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 20 de xaneiro de 2016 (DOG Nº18 do 28/01/2016) - Ampliación prazo solicitudes
Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº27 do 10/02/2016) - Corrección de erros
Resolución do 1 de abrirl de 2016 (DOG Nº68 de 11/04/2016) - Requirimentos emenda
Resolución do 13 de xuño (DOG Nº115 do 17/06/2016) - Publicidade resolución concesión
Resolución do 14 de xuño (DOG Nº115 do 17/06/2016) - Ampliación plazo anticipo
Resolución do 29 de decembro (DOG Nº249 do 30/12/2016) - Modificación das bases
Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981 54 11 47 ou 900 81 51 51.
Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Deberán cubrirse todos os campos do formulario e ao rematar aceptar os datos, tras o cal a aplicación xerará un identificador de documento electrónico (IDE). As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá na citada aplicación informática. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica con certificado dixital do representante. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos distintos rexistros do Igape ou a Xunta de Galicia.
O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:
a) DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.
b) NIF da entidade solicitante, só non caso de denegar expresamente a súa consulta.
c) Acreditación da representación con que se actúa.
d) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.
e) Se é o caso, certificación do beneficiario segundo que o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable non son obxecto de dedución.
f) No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31/12/2015.
g) As tres ofertas segundo o artigo 5.4 das bases.
h) Memoria descritiva do proxecto segundo os criterios sinalados no artigo 6.2. destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 31 de maio de 2016.
O prazo de execución dos proxectos iniciarase o 4 de xaneiro de 2016 e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2017 (data última admisible de facturación e pago).
O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e con data límite o 4 de xullo de 2016.
Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 29 de xullo de 2016, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 12 de agosto de 2016. Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2017.