As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico, mediante a subvención a entidades privadas para a potenciación e mellora do turismo mediante a creación de aldeas de turismo rural ou mellora de establecementos existentes de turismo rural e oferta complementaria nos establecementos de turismo rural existentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención.
Os titulares dos establecementos que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.
Será requisito imprescindible, para a concesión das subvencións relativas á creación ou mellora de aldeas ou establecementos turísticos, que a empresa solicitante inscriba ou teña inscrita no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT) a actividade turística para a cal se solicita a axuda.
Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Turismo
Consideraranse actuacións subvencionables as que se citan a continuación:
Liña A) de axudas destinadas a proxectos relativos á creación de aldeas rurais para a realización de actividades de turismo rural.
Liña B) de axudas destinadas a proxectos de mellora, modernización e remodelación de aldeas rurais, ou establecementos existentes de turismo rural.
Liña C) de axudas destinadas a proxectos de creación ou mellora da oferta complementaria nos establecementos existentes de turismo rural en actividades tales como turismo de natureza, turismo mariñeiro, enoturismo, hípica, golf, náuticas e aqueloutras
actividades recreativas que supoñan oferta turística complementaria no medio rural, sempre que estean insertas e vinculadas a eles.
As accións de mellora abranguen tanto actuacións nas instalacións como aquelas definidas para a creación ou mellora da oferta complementaria do establecemento. A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 30% das prazas autorizadas pola Administración turística, no caso de que a mellora implique un incremento superior presentarase o desagregamento orzamentario do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención.
Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a creación, reforma ou mellora dos establecementos obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.
Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipo que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc.). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as ditas condicións.
Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde o mobiliario, a lenzaría, enxoval doméstico, louza e análogos, e a adquisición de terreos.
Unicamente poderán recibir subvención, no caso de pemes, aqueles proxectos que se executen unha vez confirmada pola Secretaría Xeral para o Turismo a súa elixibilidade.
Os proxectos de creación ou mellora que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% (proxectos de creación) e 30% (proxectos de mellora) sobre o investimento subvencionable cando se trate de pemes e de ata o 30% (proxectos de creación) e 20% (proxectos de mellora) nos demais casos, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.
Cando se trate de proxectos de creación de aldeas de turismo rural, para o cálculo do investimento subvencionable estimarase como orzamento máximo de execución material 750 euros/m2 construído, sen engadir o orzamento imputable á urbanización que será valorado polos servizos técnicos da Secretaría Xeral para o Turismo.
Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Estas axudas poderán ser compatibles con outras para a mesma finalidade sempre que o conxunto de todas as concedidas para os mesmos elementos subvencionables non sobrepasen os límites máximos de axuda establecidos no anexo do Decreto 432/2009. Este límite é do 30%, porcentaxe, que se poderá incrementar ata o 50% cando se trate de pequenas empresas, ou ata o 40% se se trata
de medianas empresas. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.
Estas axudas non se poderán acumular con outras axudas declaradas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables se a contía resultante supera os devanditos límites.
Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia e financiaranse con cargo a fondos Feder.
Orde do 23 de marzo de 2011 (DOG Nº64 do 31/03/2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011
Información:
a) Páxina web oficial da consellería (www.culturaeturismo.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.
b) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).
c) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 da dita secretaría xeral.
d) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es
e) Presencialmente