Bases reguladoras das subvencións para a explotación de producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega en réxime de concorrencia non competitiva.
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, domiciliadas polo menos por un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que teñan, no momento do pagamento da axuda, sede efectiva da súa actividade, sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Non poderán ser destinatarios das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación financeira no proxecto de longametraxe ou telefilme.
Poderán ser obxecto desta liña de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais os seguintes tipos de proxectos:
a) Longametraxes cinematográficas. Enténdese por longametraxe unha produción cinematográfica de duración superior a sesenta minutos, e recóllense as seguintes modalidades:
-Longametraxes cinematográficas (ficción ou documental).
-Longametraxes de animación.
b) Telefilmes. Longametraxes para TV cunha duración superior aos 80 minutos.
Para poder ser obxecto de subvención dentro desta convocatoria, os proxectos de longametraxe cinematográfica ou telefilme deberán cumprir, cando menos, dúas das seguintes condicións ou criterios culturais:
a) Que a produción se desenvolva principalmente en Galicia ou noutros lugares da Unión Europea.
b) Que cando menos un dos personaxes principais estea vinculado coa cultura galega ou europea ou co ámbito territorial lingüístico galego.
c) Que o guión da produción estea baseado nunha adaptación dunha obra literaria, escrita orixinariamente en lingua galega.
d) Que a produción teña como temática a cultura ou o patrimonio galego ou europeo.
e) Que a produción teña como temática feitos da historia de Galicia ou Europa.
f) Que a produción trate temas actuais, culturais, políticos ou sociais, de interese galego ou europeo.
Esta liña de subvencións aplicarase a proxectos audiovisuais realizados que fosen obxecto de estrea comercial ou venda en televisións en aberto, ou pechado de ámbito igual ou superior ao autonómico, por importe non inferior a 80.000 euros, desde o 1 de xaneiro de 2009 ata o 30 de outubro de 2010 e que non recibisen axudas anticipadas da Consellería de Cultura e Turismo ou da Agadic polo mesmo concepto.
Para poder optar ás subvencións haberá que cumprir cos seguintes requisitos:
No caso de longametraxes cinematográficas. O solicitante deberá estrear comercialmente a longametraxe en Galicia, obtida a acreditación de custos, o certificado de nacionalidade, a cualificación por idades e entregadas as copias á Axencia Galega das Industrias Culturais segundo os requisitos enumerados no artigo 8.3º.
No caso dos telefilmes. Os solicitantes deberán ter realizado o telefilme coa colaboración dunha televisión en aberto ou pechado de ámbito autonómico ou estatal, con importe non inferior a 80.000 euros, presentar unha auditoría de custos do orzamento total, reflectindo a porcentaxe de participación do solicitante e entregadas as copias á Consellería de Cultura e Turismo segundo os requisitos enumerados no artigo 8.3º.
No caso de coproducións, só poderán participar nesta convocatoria aqueles solicitantes que teñan unha participación igual ou superior ao 30% sobre o orzamento do proxecto audiovisual. Esta porcentaxe baixará ao 20% se o orzamento é superior a 3 millóns de euros.
Non poderán ser obxecto destas subvencións aquelas longametraxes ou telefilmes que anteriormente tivesen axudas anticipadas para producións ou coproducións audiovisuais da Xunta de Galicia. Así mesmo, tampouco poderán acceder a estas axudas proxectos participados por empresas ou sociedades de investimento con participación pública no seu financiamento nunha porcentaxe superior ao 35%.
A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía, sempre que exista crédito e quedará suxeita ás seguintes limitacións, de acordo co marco temporal comunitario:
a) As axudas recibidas por unha mesma entidade non poden exceder os 500.000 euros (todas as cifras utilizadas serán importes brutos, é dicir, antes de impostos ou doutras deducións), aínda que se computarán para a dita acumulación tamén as axudas recibidas por unha mesma entidade acollidas ao réxime de minimis, entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2010. As axudas outorgadas ao abeiro do marco temporal comunitario non poden acumularse con axudas de minimis correspondentes aos mesmos custos subvencionables.
b) O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade que terá que desenvolver o beneficiario.
c) As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.
En todos os casos haberá que incorporar á rodaxe ou á posprodución alumnos de centros galegos de ensino audiovisual tanto de formación profesional como universitarios ou persoas que obtivesen a titulación nun prazo non superior a dous anos contados desde a data de incorporación ao proxecto, mediante prácticas non laborais ou contrato laboral. Este requisito non será de obrigado cumprimento no caso de que a produción finalizase con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.
1. En longametraxes cinematográficas.
A axuda consiste nunha porcentaxe sobre a participación do produtor solicitante no recoñecemento oficial de custos. No caso de coproducións, terase en conta o custo imputable ao produtor solicitante en función da súa porcentaxe de participación no orzamento da produción. A porcentaxe de puntuación calcúlase dividindo o número de puntos coa máxima puntuación posible, segundo os seguintes topes subvencionables:
-Axuda a longametraxe de animación. Máximo do 25% da participación do produtor solicitante, que será do 35% se a versión orixinal é en lingua galega, cun límite de 300.000 euros. Este límite será de 400.000 euros cando o orzamento da produción supere os 3.600.000 euros.
-Axuda a longametraxe cinematográfica. Máximo do 25% da participación do produtor solicitante, que será do 35% se a versión orixinal é en lingua galega, cun límite de 300.000 euros. Este límite será de 400.000 euros cando o orzamento da produción supere os 3.600.000 euros.
-Axuda a longametraxe documental (con explotación comercial). Máximo o 40% da participación do produtor solicitante, cun límite de 150.000 euros.
A axuda que se conceda adoptará a forma de subvención a fondo perdido e o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 50% do investimento subvencionable.
A subvención que se lle aplica a cada proxecto estará en función da difusión cultural realizada pola produción audiovisual. O cálculo realizarase mediante o produto do coeficiente de difusión cultural e o importe da porcentaxe máxima subvencionable da achega financeira do solicitante. Para estes efectos, o coeficiente de difusión cultural obterase da suma dos seguintes baremos multiplicada por 1,2:
a) Nivel de difusión en cinemas de Galicia (segundo datos oficiais do Ministerio de Cultura):
5.000-10.000 euros de recadación: 0,10.
10.000-15.000 euros de recadación: 0,14.
15.000-20.000 euros de recadación: 0,18.
20.000-30.000 euros de recadación: 0,22.
30.000-40.000 euros de recadación: 0,26.
Máis de 40.000 euros de recadación: 0,30.
b) Difusión en televisión (contabilizaranse os contratos en firme con canles televisivas):
Emisión en canle aberta de ámbito autonómico galego: 0,07.
Emisión noutras canles de ámbito autonómico: 0,04.
Emisión en canle aberta de ámbito estatal: 0,07.
Emisión noutras canles abertas de ámbito estatal ou internacional: 0,07.
c) Difusión por outros medios (contabilizaranse os contratos formalizados en firme con distribuidores de vídeo/DVD, axentes de vendas, empresas de licensing ou outros distribuidores de contidos como operadoras de telefonía móbil ou portais da internet, así como todos aqueles contratos derivados da cesión de venda dos dereitos de reprodución da longametraxe, sempre que incorporen a opción de versión galega e subtítulos en galego):
Venda dereitos DVD: 0,05.
Vendas internacionais: 0,05.
Novos medios (internet, operadores de telefonía móbil): 0,05.
Licensing: 0,04.
d) Difusión na sección oficial en festivais galegos, estatais e internacionais:
Estratéxicos A: 0,10.
Tipo B: 0,07.
Tipo C: 0,05.
Tipo D: 0,03.
e) Versión orixinal galega. Terá a consideración de versión orixinal galega aquela produción audiovisual que no conxunto de diálogos ou narración teña unha presenza mínima do 51%. No caso de animación, considerarase como versión orixinal galega se a estrea comercial do filme se realiza en cinco cidades de Galicia con cinco copias en galego.
Versión orixinal galega: 0,25.
2. En telefilmes.
A axuda que se conceda adoptará a forma de subvención a fondo perdido e o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 50% do investimento subvencionable. En calquera caso, a subvención non poderá superar a cantidade de 150.000 euros.
A contía establecerase en función dos seguintes criterios:
a) Subvención para a produción. A subvención será do 20% sobre a achega financeira do solicitante cun máximo de 100.000 euros. Dentro do custo do proxecto non se incluirá o beneficio industrial da empresa produtora.
b) Primas para o fomento do talento creativo, técnico e artístico.
-Unha prima de 20.000 euros por rodaxe da versión orixinal en lingua galega.
-Unha prima de 10.000 euros, no caso de director novel.
-Unha prima de 10.000 euros cando a participación das mulleres alcance unha porcentaxe superior ao 35% do equipo creativo do telefilme. Esta prima será de 20.000 euros cando esta porcentaxe sexa superior ao 50%.
-Unha prima de 10.000 euros cando a directora do telefilme sexa muller.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2010.
--
Resolución do 22 de marzo de 2010 (DOG Nº66 do 09/04/2010) - Bases reguladoras
Axencia Galega das Industrias Culturais - 981 577 126 / 981 577 128
O prazo de xustificación das subvencións concedidas será dun mes, desde a notificación da subvención concedida e, en todo caso, rematará o 15 de novembro de 2010, naqueles aspectos subvencionables que non queden debidamente acreditados coa documentación presentada coa solicitude.