A finalidade das axudas reguladas nesta orde é a de establecer medidas de acompañamento, para os traballadores afectados polos axustes da frota pesqueira, que axuden a paliar os efectos da dita reestruturación e apoien a reconversión destes traballadores.
Tipos de axudas
A) Primas por reconversión.
1. Parcial. Diversificación de actividades: esta medida ten como obxecto o apoio ás actividades dos pescadores fóra do sector pesqueiro, permitíndolles que sigan pescando a tempo parcial, sempre que con isto se contribúa a reducir o seu esforzo pesqueiro. O proxecto de reconversión parcial deberá supoñer polo menos o 35 % da actividade dos solicitantes.
2. Total: esta medida ten como obxecto o apoio á reconversión profesional dos pescadores en actividades profesionais a tempo completo nun sector distinto ao da pesca marítima.
B) Prima non renovable.
Esta medida concíbese como unha compensación aos tripulantes de buques que paralizasen a súa actividade definitivamente como consecuencia dun plan de axuste do esforzo pesqueiro.
C) Prima pola compra do primeiro barco.
Esta medida ten a finalidade de facilitar o acceso á propiedade, parcial ou total, dun barco aos profesionais do sector que nunca tiveron un en propiedade.
1. Poderán ser beneficiarios tanto os tripulantes de buques pesqueiros afectados por medidas de reestruturación da frota que teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia como os tripulantes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, sempre que reúnan todos e cada un dos requisitos establecidos máis adiante para cada unha das medidas.
2. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos exixidos na normativa básica do Estado non sinalados no punto anterior.
3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Pesca
A) Prima por reconversión.
1. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar.
2. Ter menos de 55 anos de idade ou, sendo maior, non ter a posibilidade de xubilarse.
3. Acreditar un mínimo de cinco anos de exercicio da profesión de pescador.
B) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.
1. Tripulantes que traballasen a bordo dun buque pesqueiro polo menos doce meses, sempre que o buque se sometese á paralización definitiva das actividades pesqueiras e que a dita paralización forme parte dun plan de axuste do esforzo pesqueiro.
2. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar e ter cotizado neste réxime un período mínimo de doce (12) meses.
3. Ter menos de 55 anos de idade ou, sendo maior, non ter a posibilidade de xubilarse.
4. Estar enrolado, en alta ou nalgunha das situacións asimiladas á alta, ou ben atoparse en situación de expediente de regulación de emprego, no buque obxecto de axuste estrutural desde o momento en que o armador solicite a prima por paralización definitiva ata que se lle conceda a dita axuda.
C) Prima pola adquisición do primeiro barco.
1. Estar dado de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar.
2. Acreditar un mínimo de cinco anos de exercicio da profesión de pescador ou formación profesional equivalente.
3. Adquirir un buque das seguintes características:
3.1. Eslora total inferior a 24 metros.
3.2. Idade comprendida entre 5 e 20 anos.
4. Non ser propietario, nin na actualidade nin nun momento anterior, de ningunha outra embarcación de pesca.
5. Ter menos de 40 anos na data de adquisición da embarcación sempre que presente a solicitude na convocatoria aberta nese momento ou na inmediatamente seguinte á dita adquisición.
A) Primas por reconversión.
1. Parcial.
Diversificación de actividades. A axuda máxima prevista nesta medida é de 21.000 euros por beneficiario individual.
2. Total.
A axuda máxima prevista nesta medida é de 52.000 euros por beneficiario individual.
Estas dúas medidas estarán encadradas dentro de plans sociais individuais ou colectivos, nos cales figurará un proxecto en que se indicará o tipo de medida que se vai tomar e os investimentos ou desembolsos que realizará o beneficiario; o dito proxecto servirá de base para o cálculo da axuda.
B) Prima non renovable vinculada á paralización definitiva.
A cantidade máxima subvencionable será de 10.500 euros por beneficiario individual. Esta compensación será reembolsada pro rata temporis no caso de que o beneficiario volva exercer a profesión de pescador nun prazo inferior a un ano tras o cobramento da compensación, mantendo unicamente o dereito á parte proporcional da prima que corresponda ao período transcorrido desde o momento do cobramento da axuda ata aquel en que volva exercer a dita profesión. No caso de que o beneficiario estea a exercer a profesión de pescador no momento do cobramento da axuda deberá reembolsar o seu importe total.
Para os efectos do cálculo desta devolución terase en conta que a axuda se devindica por meses vencidos e de forma proporcional. No suposto de que dentro dunha mensualidade comezase a traballar, detraeráselle a parte proporcional que corresponda segundo os días de inactividade.
C) Prima pola compra do primeiro barco.
A prima pola compra do primeiro barco non será superior ao quince por cento do custo de adquisición da propiedade nin excederá os 50.000 euros.
Todas as axudas socioeconómicas teñen un mes de prazo de presentación de solicitudes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) nº 1198/2006 para a contribución pública.
Orde do 8 de agosto de 2014 (DOG Nº158 do 21/08/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
SUBDIRECCIÓN XERAL DE INNOVACIÓN TECNÓLOXICA
SERVIZO DE INNOVACIÓN TECNOLÓXICA DA FROTA
San Caetano, s/n
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Teléfono: 981546295 Fax: 981546288
Email: secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es
Información web: http://webpesca.xunta.es.