Deadline for submitting applications will end on 15/09/2022

IG289 - AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE LOXÍSTICA AVANZADA E SOSTIBLE (2022)

Purpose / Objective

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de loxística avanzada e sostible cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para o transporte, almacenamento e posta a disposición de produtores e consumidores de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, para acadar reducións de custos ou prazos de entrega, reducir o impacto ambiental ou mellorar a calidade da entrega e posta a disposición.

A presente convocatoria é susceptible de ser financiada no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (…).
Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.
Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.
Liña de actuación 07: apoio ao financiamento das pemes.
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
‒ Indicador de produtividade CO01-número de empresas que reciben axudas.
‒ Indicador de produtividade CO02-número de empresas que reciben subvencións.
‒ R341G-número de empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados)

Types of support

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Potential beneficiaries

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única a efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Cada agrupación específica só poderá presentar un proxecto, porén, no caso de coordinación por un Organismo Intermedio, este poderá coordinar máis dun proxecto colectivo, sempre que a composición das agrupacións en cada proxecto sexa diferente (entenderase que dous agrupamentos son distintos cando non coincidan neles máis de dúas empresas).

5. As pemes poderán presentar un ou máis proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

6. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) As empresas en crise. Utilizarase para esta comprobación a definición do artigo 2.18 do Regulamento Xeral de Exención (Regulamento CE 651/2014).

Main project requirements

1. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, de simbiose industrial nos que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º) Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións, tanto físicas como dixitais, para a mellora da función loxística do conxunto de empresas.

2º) Propoñen a implantación dun sistema de mellora da función loxística, parcial ou integral, de uso común, especificamente aplicable para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda a implantación dun sistema de mellora da súa función loxística, parcial ou integral.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), deben encadrarse nun ou varios dos seguintes ámbitos de actuación:

Dixitalización e automatización:

1. Automatización e/ou robotización de procesos loxísticos (carga e descarga, almacenaxe, transporte e distribución).

2. Xeolocalización ou sensorización para control de ubicacións, con diferentes fins (trazabilidade, vixilancia, localización, etc.) de cargas, contedores e medios de transporte.

3. Aplicación de vehículos autónomos e elementos auxiliares para automatizar operacións de transporte interno ou carga e descarga.

4. Implantación de compoñentes ou equipos en elementos de transporte exterior que optimicen capacidade de carga ou reduzan emisións de GEI dos vehículos.

5. Aplicación de métodos alternativos para aprovisionamento e distribución en centros históricos e outros lugares de difícil acceso.

Procesos e aplicacións:

6. Desenvolver e implantar procesos de loxística inversa e/ou recuperación ou reciclaxe de materiais de envasado, empaquetado, ou calquera outro utilizado na preparación das mercadorías para o transporte.

7. Desenvolver e adaptar contratos intelixentes e/ou xestión de información en cadeas de bloques (blockchain).

8. API´s colaborativas e de intercambio de datos.

9. Estudos de viabilidade, caracterización e enxeñería para a creación e/ou ampliación de hub´s e microhub´s loxísticos.

Virtualización e analítica de datos

10. Aplicación de realidade virtual e/ou aumentada aos procesos loxísticos.

11. Algoritmia e análise de datos aplicados aos procesos loxísticos.

12. Análise e optimización de operacións de carga e descarga.

13. Simulación e virtualización de procesos loxísticos.

14. Monitorización e propostas de redución de pegada de carbono no transporte e distribución de mercadorías.

No anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.

2. Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobro da subvención. Enténdese que os proxectos están finalizados cando poden demostrar o cumprimento dos obxectivos previamente deseñados en relación co ámbito ou ámbitos de actuación nos que se encadra e que o gasto realizado teña reflexo na actividade loxística da empresa, o que se acreditará na memoria técnica de execución. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

3. Os proxectos deberán ser técnica e economicamente viables para a empresa solicitante, e ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración, os seguintes:
- Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.
- Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para ser beneficiarios.
- Contía total dos importes subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

5. A axuda máxima será de 100.000 € en proxectos individuais e de 100.000 € multiplicado polo número de empresas participantes na agrupación, nos proxectos colectivos.

Required qualifications do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1ºCalidade técnica do proxecto: ata 60 puntos, que se avaliarán con cada un dos seguintes parámetros:

i. Descrición do proxecto (20 puntos):
a. Grao de análise previa da situación: Descrición clara e concreta do problema ou a necesidade que se pretende abordar con identificación da situación de partida e dos resultados esperados (10 puntos).
b. Claridade na definición e obxectivos (6 puntos).
c. Grao de elaboración e concreción da proposta (4 puntos).

ii. Adecuación do proxecto (15 puntos):
a. Descrición de aspectos claves, actuacións e entregables (10 puntos).
b. Correlación entre os obxectivos de mellora loxística identificados no proxecto e os investimentos e gastos propostos (5 puntos).

iii. Tipo de solución e melloras esperadas en relación cos ámbitos de actuación descritos no artigo 1 (15 puntos).

iv. Grao de madurez, nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta (10 puntos):
a. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada (5 puntos).
b. Valoraranse con maior puntuación os proxectos de implantación inmediata fronte aos que requiren desenvolvemento previo (5 puntos).

2º- Adecuación dos investimentos e capacidade económica: ata 15 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Identificación de partidas, desagregación dos orzamentos (5 puntos).
ii. Calidade de ofertas e provedores (5 puntos):
• Alcance das ofertas.
• Documentación empregada para solicitar a oferta ou adxunta a esta.
iii. Viabilidade do proxecto fronte ao volumen da empresa: ratio de investimento fronte a facturación declarada na solicitude da axuda (5 puntos).

3º Alcance do proxecto: ata 15 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Número de empresas beneficiarias do proxecto: 1 puntos por empresa ata un máximo de 8 puntos (para proxectos individuais: 1 punto).
ii. Alcance: ata a cantidade máxima de 7 puntos, outorgarase 1 punto por cada un dos ámbitos de actuación descritos no Artigo 1 aos que o proxecto responda.

4º Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 10 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: Agroalimentación, Automoción, Enerxías Renovables, Madeira/Forestal, Naval/Industria marítima, Pedra Natural, Téxtil-moda.
ii. Emerxentes e de alto potencial: Aeronáutico/aeroespacial, Industria da saúde e do benestar, Industrias creativas, Biotecnoloxía, Novos materiais, Ecoindustria, TIC.

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º e 3º, por esa orde. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no art. 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto no que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, identificado no formulario electrónico de solicitude polo seu localizador no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, de acordo co establecido no artigo 11 do Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para poder optar á concesión da axuda en réxime de concorrencia competitiva:
Modalidades dos artigos 1.1.a: 50 puntos.
Modalidades dos artigos 1.1.b: 30 puntos.

Investments or eligible costs

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultaría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) Adquisición de software estándar ou licencias de uso de propiedade industrial.

c) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte exterior e equipamento de oficina agás elementos informáticos. Este concepto de gasto subvencionable resulta aplicable unicamente a proxectos nos que se contemplen un ou varios dos ámbitos de actuación incluídos no apartado “Dixitalización e Automatización” definidos no artigo 1 das presentes bases reguladoras e sempre que a tipoloxía do investimento resulte directamente relacionada cos correspondentes ámbitos de actuación.

d) Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto, ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e aplicarase a todas as pemes participantes e en ningún caso poderá supoñer máis dun 5% do importe do proxecto.

Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas nas que non se indique con claridade o resultado a obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. A tal efecto o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda ao que se refire o artigo 7 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de “empresas asociadas” ou de “empresas vinculadas” establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) Nº 651/2014.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Este extremo acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

11. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

Amount of aid

1. Para os gastos subvencionables descritos no artigo 5.1.b) e 5.1.c), a subvención será do 35% para pequenas empresas e do 25% para medianas empresas.

2. Para o resto de gastos subvencionables descritos no artigo 5.1, a subvención será do 50%.

Deadline for submitting applications

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2022.

Incompatibility

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 6 destas bases, cos límites previstos no artigo 5.2.

Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE EURATOM) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, con arranxo ao documento en que se establezan as condicións da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

Legislative Reference

Resolución do 22 de xullo de 2022 (DOG Nº150 do 08/08/2022) - Bases reguladoras e convocatoria 2022

Information and processing in

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es
- ou en informa@igape.es

* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.7 destas bases reguladoras.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.

Observations

O prazo de execución dos proxectos de loxística avanzada e sostible non poderá superar o 30 de setembro de 2023.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2022 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2022 ou anterior, e como máis tarde o 30 de setembro de 2023 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados ao 2023.

Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50% da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no prazo de 3 meses a contar dende a concesión da axuda.