Convocar o concurso Eduemprende Idea 2022, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
Premios en réxime de concorrencia competitiva.
Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2021-2022 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.
b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009.
Os materiais e recursos dixitais que acompañen a solicitude deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Requisitos de forma.
1º Os traballos serán orixinais no sentido de que serán elaborados polos membros do equipo e non se teñen presentado en anteriores edicións do premio.
2º Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.
b) Requisitos técnicos.
1º Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.
2º Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e non libres, e poderán ser executados en local.
Criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades do proxectos presentados:
a) A súa viabilidade técnica e legal. (máximo 10 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.
b) A súa viabilidade comercial. (máximo 15 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta, o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.
c) A súa viabilidade financeira. (máximo 15 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta, a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.
d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio. (máximo 15 puntos)
Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.
e) Creación de emprego. (máximo 10 puntos)
Avaliarase en función do volume de emprego a crear, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego a crear.
f) A capacidade do equipo promotor para executar o proxecto. (máximo 15 puntos)
Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.
g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral no vídeo (elevator pitch). (máximo 15 puntos)
Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.
Declararase deserto o premio naquelas categorías en que ningún dos proxectos presentados acade unha puntuación mínima de 40 puntos.
Premiarase os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.
1. Modalidade A: ciclos de grao superior
- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
- Asesoramento técnico do IGAPE
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros
2º premio: 2.000 euros
3º premio: 1.000 euros
2. Modalidade B: ciclos de grao medio
- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
- Asesoramento técnico do IGAPE
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros
2º premio: 2.000 euros
3º premio: 1.000 euros
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A presentación comeza as 8.00 horas da data de inicio e remata as 14.00 horas da data de finalización.
Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.
Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG nº 70 do 11/04/2022) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 15 de novembro de 2022 (DOG Nº277 do 29/11/2022) - Resolución de concesión
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, o representante do grupo deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias dos alumnos/as e do proxecto co que opta aos premios a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.
Dado o nivel educativo no que se atopan os candidatos e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino ao que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.
b) Proxecto de empresa.
c) Resumo executivo do proxecto.
d) Vídeo de presentación do proxecto. No caso de non poder aportar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá aportarse un documento no cal se recolla unha dirección web onde poder ver e/ou descargar o vídeo.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.