Favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das PEMES galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.
As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes.
O Igape reavalará ata o 25% do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nas liñas específicas de financiamento concedidas polas entidades de crédito adheridas.
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.
1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no Anexo I.
2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos.
Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión Comisión Europea.
b) As empresas en crise.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei de subvencións de Galicia.
Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no Anexo I.
En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:
a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.
e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.
Para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, que non implique a substitución doutro preexistente, nalgunha das seguintes modalidades:
1) Liñas de crédito para o adianto de efectos comerciais e facturas, garantindo o bo fin de letras de cambio, cheques, pagarés, recibos, facturas, certificacións de obra, e demais documentos civís, mercantís e administrativos, que a entidade financeira desconte, negocie ou anticipe e nos que a titular figure como librador ou beneficiario.
2) Liñas de crédito comercio exterior, garantindo o completo pago das obrigas procedentes de operacións de comercio exterior que os titulares contraian coa entidade financeira, tales como créditos documentarios, cartas de crédito, prefinanciamento e financiamento de exportacións, financiamento de importacións, etc.
3) Liñas de xestión do pago das compras ou confirming, anticipando as entidades de crédito os pagos aos provedores.
As liñas de crédito avaladas deberán ser específicas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.
Condicións das operacións financeiras
* Importe
O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 euros e igual ou inferior a 600.000 euros.
Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste Anexo I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 600.000 euros por convocatoria.
* Prazo
O prazo mínimo do aval da SGR contragarantido polo Igape será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia. As liñas de financiamento garantidas pola SGR poderán ser a prazos inferiores renovables.
* Tipo de xuro
O tipo de xuro das operacións de desconto comercial e confirming con crédito será o que pacten as partes, con un máximo do 4,00%.
* Comisións
As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60%. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 euros. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.
As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50% en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00% do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.
As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.
* Garantías
A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 70% do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 euros, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida.
As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25% do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.
* Aspectos a recoller no contrato de financiamento
Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste Anexo I.2, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.
En todas as modalidades, o apoio do Igape consistente nun reaval de ata o 25% do risco asumido polas SGR.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme ás solicitudes recibidas, se esgote a dispoñibilidade para a concesión de axudas, o que será obxecto de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30 de setembro de 2019.
A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de mínimis.
De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas cuxa actividade estea encadeada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España.
Resolución do 21 de maio de 2019 (DOG Nº 104 do 04/06/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
* Tramitación:
As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación www.tramita.igape.es
Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obligatoriamente por vía electrónica.
Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB).
O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:
a) En caso de persoas xurídicas:
1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.
2º No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil- ou noutro rexistro, segundo proceda- correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría de ser o caso.
b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo as comunidades de bens deberán presentar o Anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no Anexo I para cada liña de financiamento
d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.
Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras.
Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á SGR e á entidade de crédito a través da extranet de entidades colaboradoras.
Relación de entidades financeiras adheridas:
- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Caixabank
- Bankinter
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Banco Santander
- Banco de Sabadell