Actualidade

Un total de 224 pequenas e medianas empresas recibirán preto de 3,7M€ en axudas que facilitarán a modernización e a mellora da súa competitividade, mobilizando 11,5M€ en investimentos en equipamento e software. Ademais, apóianse con 4M€ sete proxectos Industria 4.0 nos que participan 48 empresas lideradas por cinco clústeres de sectores estratéxicos. Por outra banda, achéganse 358.000 euros ao desenvolvemento de 22 talleres para a xeración de solucións tecnolóxicas e formas de colaboración para a posta en marcha de ferramentas dixitais e nos que se prevé que participen 360 pemes.

O Goberno galego activa nas vindeiras semanas unha nova convocatoria de Galicia Exporta Dixital, unha liña adaptada ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é impulsar as vendas no exterior das empresas galegas a través de ferramentas dixitais innovadoras. En 2020 concedéronse axudas para desenvolver 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países que permitirán mobilizar 7M€. Complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañados polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, destacaron a aposta pola transformación dixital do sector. Estes apoios, a través de programas incluídos no Plan de reactivación económica como os cheques de dixitalización, o Galicia Exporta Dixital ou os proxectos Industria 4.0, mobilizan preto de 13,4 millóns no comercio galego. Permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova liña de apoios para o acondicionamento de terrazas e do programa de créditos brandos para os sectores máis afectados pola pandemia.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e os directores xerais de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron hoxe nun encontro dixital centrado nos últimos programas de axudas dirixidas a estes colectivos. Guldrís destaca que coas novas liñas de apoios para o acondicionamento de terrazas e de créditos brandos a Administración autonómica reforza as medidas para a recuperación da actividade do tecido empresarial galego. Toca sinala que a Xunta está a axilizar o máximo posible o pagamento das axudas do Plan de rescate no que se está a investir 84 millóns de euros. O director do Igape participou hoxe tamén na apertura da misión inversa dixital con EEUU na que empresas galegas do sector TIC exploran novas oportunidades de negocio con axentes públicos e privados norteamericanos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada dixital Innovación e competitividade de empresas, organizada polo Foro Empresa Pontevedra en colaboración co Instituto para o Crecemento Sustentable da Empresa. Destaca que o Goberno galego intensifica nos orzamentos de 2021 os instrumentos de apoio financeiros, de mellora da competitividade e a presenza no exterior para facilitar a reactivación do tecido produtivo galego, especialmente das pemes. Apunta á colaboración entre empresas, centros de coñecemento e administracións para atopar solucións ás exixencias actuais provocadas pola pandemia da covid-19.