A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace para madurar iniciativas empresariais con relevante efecto dinamizador na economía galega. Favorecerá a transformación da economía implantando un modelo verde e dixital. Promoverá a captación de fondos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións, ao tempo que fomentará especialmente a participación das pemes. O seu primeiro obxectivo é apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e axudar despois na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento. Prestará tamén diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e a posta en marcha das novas actividades empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial e de xestión e dirección. O capital inicial desta nova sociedade limitada de maioría privada ascende a 5M€, dos que a Xunta de Galicia achega o 40%, mentres que o 60% restante se reparte entre Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%).
As exportacións da Comunidade medran un 1,4% en febreiro, ao tempo que ascende un 11,4% o número de empresas galegas que exportan. A balanza comercial galega nos dous primeiros meses presentou un saldo positivo de máis de 160M€ que contrasta co negativo estatal de -2850M€. Destaca a boa evolución de industrias como a automoción, cun incremento das exportacións de vehículos dun 34,6% en febreiro; a conserveira, que medra un 16,6%, ou os metais, cunha suba do 13,1%. Por destinos, son salientables os aumentos das exportacións a países europeos como Alemaña e Italia e asiáticos como China e Xapón, que incrementou en máis do 150% as compras a compañías galegas.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a solicitude de renovación ou nova formalización de créditos, débedas e garantías, que estará aberta desde mañá ata final de ano. O obxectivo da iniciativa, dotada con 18M€, é seguir facilitando liquidez aos colectivos empresariais máis afectados pola actual situación económica mentres recuperan a súa actividade. Súmase ás medidas que se veñen de activar de ampliación dos prazos de devolución dos créditos e exención de compromisos nos apoios ao investimento que os beneficiarios non poden cumprir debido á pandemia da covid-19.
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación asina un convenio de colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) para habilitar espazos no encontro que se celebrará no recinto feiral do Ifevi en Vigo entre o 14 e o 16 de setembro. O acordo inclúe como novidade nesta segunda edición do foro tecnolóxico a celebración dunha rolda de reunións con investidores para impulsar o financiamento das iniciativas emprendedoras da Comunidade.
O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta mañá un encontro con representantes do Clúster da Pizarra no que salientou a necesidade de avanzar no compromiso coa dixitalización, a innovación e as melloras medioambientais. A industria galega da pedra incrementou as súas exportacións nun 2% durante o pasado ano, rematando decembro cunha suba de case 30 puntos con respecto ao mesmo mes de 2019. Incide na relevancia de reforzar a colaboración público-privada para promover a transformación do tecido produtivo e lembra as posibilidades que vai achegar a Lei de reactivación económica.