Santiago, 20 de xaneiro de 2011.- Impulsar a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal mediante a promoción da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos é o obxectivo principal que busca a Consellería de Economía e Industria, a través o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), cos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade, que vén de convocar na súa III edición. A nova convocatoria destes premios acaba de publicarse do DOG (17/01/11) e o prazo para a presentación de iniciativas rematará o próximo 3 de marzo.
ImageA convocatoria foi presentada hoxe en Ferrol polo director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo vicerreitor da Universidade da Coruña, Luis Barral, o presidente da Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), Manuel Iglesias, o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry e o presidente do xurado, Francisco de Bartolomé. Varela destacou o valor da colaboración desenvolvida, no marco do Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal, co tecido social e empresarial, a través da
AIPF, e coas universidades galegas. Tamén salientou que a colaboración está a facer posible que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal sigan a ser atractivas para os investidores.
Neste sentido, Varela de Limia destacou que as axudas concedidas a través do Igape, sumando ás subvencións a fondo perdido, os préstamos directos e avais, alcanzaron en 2010 "case os 22 millóns de euros, cun incremento do 88% sobre o ano anterior". Segundo explicou, "só a través da liña do Igape para apoiar grandes investimentos empresariais, aprobáronse 20 proxectos que suman uns investimentos proxectados de case 48 millóns de euros".
Os premios ás iniciativas de creatividade aplicada constitúen unha actuación singular impulsada ao amparo do convenio asinado polo Igape coas tres universidades galegas e a AIPF; un convenio que procura, mediante un esforzo coordinado e conxunto, elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrolterra mediante a dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas.
Segundo a convocatoria, o Igape premiará iniciativas ou propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio. As actuacións amparadas neste marco deberán incidir directamente dentro do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que poidan beneficiar tamén a outros territorios ou ao conxunto da sociedade.
As actividades prioritarias para estas iniciativas de creatividade aplicada están entre as contempladas no Plan Integral de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que coordina o Igape: enerxías alternativas, loxística, industria naval, turismo e medio ambiente e natureza. Non obstante, tamén poderán acollerse a esta convocatoria calquera outra actividade propia das sociedades avanzadas e ligada ao coñecemento, que non exista na zona pero que poida implantarse nun prazo medio, así como calquera outra iniciativa que sirva aos obxectivos do convenio de colaboración.
Poderán optar aos premios a iniciativas de creatividade aplicada persoas xurídicas sen ánimo de lucro, persoas físicas, departamentos universitarios e centros tecnolóxicos de calquera ámbito territorial, segundo os requisitos detallados nas bases reguladoras.