Monday, 12 April 2021 13:27

A Xunta impulsa a presenza das start-up galegas na feira internacional Mindtech para fortalecer o emprendemento industrial

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación asina un convenio de colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) para habilitar espazos no encontro que se celebrará no recinto feiral do Ifevi en Vigo entre o 14 e o 16 de setembro. O acordo inclúe como novidade nesta segunda edición do foro tecnolóxico a celebración dunha rolda de reunións con investidores para impulsar o financiamento das iniciativas emprendedoras da Comunidade.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021.- A Xunta vén de asinar un novo convenio coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) que permitirá habilitar espazos de traballo e expositivos na feira internacional da industria Mindtech, que celebrará a súa segunda edición do 14 ao 16 do vindeiro mes de setembro no Ifevi en Vigo, para facilitar que as iniciativas emprendedoras galegas se poidan dar a coñecer a nivel mundial.

O acordo conta cun financiamento de preto de 160.000 euros e o seu obxectivo ultimo é seguir traballando de xeito conxunto no impulso ao emprendemento, a transformación tecnolóxica, a innovación e a mellora da competitividade entre o tecido produtivo galego, facilitando a achega de investimentos internacionais privados e a promoción das vendas no exterior das empresas emerxentes industriais galegas, de alto nivel tecnolóxico e con posibilidades significativas de crecemento.

Ademais da creación de dous espazos expositivos en Mindtech –un con capacidade para 39 start-up e tres business factories e outro que acollerá o pavillón da Xunta-, o convenio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e Asime inclúe como novidade nesta edición a celebración dunha rolda de reunións entre investidores internacionais e as iniciativas emprendedoras participantes (brokerage event). Para garantir a seguridade sanitaria, tamén contempla a participación en formato dixital nos eventos que teñan lugar no foro.

A feira internacional da industria Mindtech naceu en 2019 coa vocación de ser un referente internacional e a intención de atraer empresas e investidores estranxeiros. Impulsada por Asime, retoma o seu calendario bienal o vindeiro mes de setembro e con el o seu obxectivo de ser un escaparate da potencialidade da industria galega, especialmente do sector do metal, e unha oportunidade económica e comercial.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments