Monday, 01 February 2021 09:20

A Xunta apoia 124 proxectos destinados a mellorar a competitividade das pemes galegas no actual contexto económico

As axudas aprobadas a través do programa ReAcciona, que mobilizarán 568.000€, permitirán achegar asesoramento ao tecido empresarial. Facilítase soporte especializado en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización e a innovación. Con esta nova resolución, o programa, coordinado pola Vicepresidencia económica e a Amtega, xa leva apoiadas 531 iniciativas na súa última edición. Enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que reforza o soporte aos colectivos empresariais máis vulnerables.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2021.- A Xunta vén de aprobar a concesión de novas axudas do programa ReAcciona, que ascenden a 465.000 euros e permitirán mobilizar 568.000 euros en 124 proxectos destinados a mellorar a competitividade das pemes galegas, ofrecéndolles respostas que precisan para facer fronte ao contexto económico derivado da pandemia da covid-19.

Entre os proxectos que se veñen de aprobar, destacan os apoios destinados á análise do potencial competitivo; a preparación de procesos certificables; o asesoramento para o financiamento da innovación; a construción dun proxecto de futuro e un plan de mellora empresarial; a mellora da xestión financeira e procura de financiamento; a optimización da produción e a cadea loxística; ou o asesoramento para o relanzamento comercial. Por sectores, máis dun 46% dos servizos aprobados desenvolveranse no sector servizos, un 26% na industria, un 16% no comercio, un 8% na construción e un 4% na hostalería.

As axudas resoltas enmárcanse dentro da terceira convocatoria do programa ReAcciona, co que xa son 531 os proxectos apoiados cunha achega global de 2 millóns de euros, que permitirán mobilizar 2,4 millóns. Proximamente seguiranse resolvendo novas axudas vinculadas a esta edición do programa. Este pon á disposición das pemes beneficiarias servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade introducida o pasado ano, a innovación.

Na iniciativa colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Nesta edición dispón dun orzamento de 4,2 millóns de euros e enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments