Monday, 11 January 2021 09:50

A Xunta destina 6M€ para impulsar plans de internacionalización dixital de pemes, autónomos e comercio

O Goberno galego activa nas vindeiras semanas unha nova convocatoria de Galicia Exporta Dixital, unha liña adaptada ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é impulsar as vendas no exterior das empresas galegas a través de ferramentas dixitais innovadoras. En 2020 concedéronse axudas para desenvolver 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países que permitirán mobilizar 7M€. Complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2021.- A Xunta de Galicia activará, nas vindeiras semanas, unha nova convocatoria de Galicia Exporta Dixital, unha liña de axudas centrada na internacionalización dixital da empresa galega que en 2020 se reforzou e adaptou ás necesidades do tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19. Esta nova edición contará cun orzamento de 6 millóns de euros co obxectivo de apoiar a expansión internacional das empresas galegas e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas, destinadas a pemes, autónomos e comercio retallista, serán de concorrencia non competitiva e cubrirán ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Poderase presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 25.000 e 125.000 euros ou, no caso de comercio retallista, de entre 15.000 a 100.000 euros.

As axudas permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas en liña.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.

Balance 2020
Ao longo do pasado ano 2020, a Xunta achegou preto de 5,6 millóns de euros ás pemes galegas –especialmente microempresas– para desenvolver 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países.

As axudas aprobadas supoñen unha mobilización de 7 millóns de euros e o gasto medio por proxecto aprobado supera os 50.500 euros. Ademais, seis de cada 10 beneficiarios dos apoios foron microempresas, mentres que o 27% foron pequenas e o 11% medianas compañías. Por sectores, destacan as axudas concedidas ao comercio polo miúdo, que recibiu preto de 1,6 millóns de euros, o 28% do total.

En canto aos países de destino elixidos polas empresas para desenvolver os seus plans de internacionalización, ao redor do 56% son de Europa (53% da Unión Europea e 3% do resto de países europeos), con Francia como primeiro mercado escollido. Fóra de Europa, os países máis destacados son Estados Unidos e México, destinos principais das accións de promoción das vendas que serán apoiadas.

No que se refire ao tipo de medidas que se implementarán, as máis demandadas son as relativas ao software –co 37% sobre o total–, destacando especialmente os gastos de solucións de inbound márketing internacional para captar, reter, converter e fidelizar a usuarios.

Cofinanciado polos fondos Feder, este programa complementa o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, aos que en conxunto en 2020 se destinaron preto de 15 millóns de euros e cos que se espera apoiar a promoción no exterior de 1000 empresas. Ademais, o Galicia Exporta Dixital completa as medidas aprobadas polo Goberno galego para impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica de Galicia.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments