Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañados polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, destacaron hoxe a aposta do comercio galego por reforzar a súa competitividade no actual contexto económico, sinalando que a Xunta impulsa con máis de 9 millóns de euros a dixitalización de máis de 1300 autónomos e pequenas e medianas empresas do sector.
Estes apoios, que mobilizan preto de 13,4 millóns de euros, canalizáronse a través de diferentes programas impulsados pola Administración autonómica, como os cheques e as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o Galicia Exporta Dixital, ademais do programa para impulsar a modernización e a innovación no sector comercial galego.
Tal e como sinalou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, desde o inicio da pandemia a Xunta traballou man a man co sector, dando resposta a través do Plan de reactivación económica tanto ás necesidades a curto prazo, con medidas centradas no financiamento e na reactivación da actividade trasladándolle a máxima confianza ao consumidor, como a medio e longo prazo, impulsando a adaptación do sector ao novo contexto económico.
É neste ámbito onde se enmarca a aposta pola dixitalización, que permite complementar a venda física e en liña e optimizar a xestión dos negocios. En concreto, a través dos cheques de dixitalización reciben apoio 759 comerciantes, con axudas por 2,9 millóns de euros que permitirán mobilizar 3,6 millóns de euros. Sobre os datos globais da liña de apoios dos cheques de dixitalización, activada en xuño pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Guldrís sinalou que permitirá que 2393 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, achegando axudas por 9,3 millóns de euros que promoverán investimentos por valor de 11,7 millóns de euros.
Destes, preto de 2400 beneficiarios, a maioría, son persoas autónomas e micropemes. No caso dos autónomos, son 1090 os que recibirán máis de 3,5 millóns de euros en axudas. Cunha cifra de beneficiarios similar -1077- séguenlles as micropemes, con achegas por valor de máis de 4,7 millóns de euros. Ademais, 102 asociacións empresariais percibirán medio millóns de euros en apoios; mentres que son 82 as cooperativas beneficiarias dunha achega global de medio millón de euros.
Despois do comercio como primeira actividade en número de beneficiarios e total de axudas concedidas, destaca a hostalería, na que 620 establecementos recibirán apoios que superan os 2,6 millóns de euros no seu conxunto. Séguenlle o sector da educación, con 291 empresas e entidades beneficiaras de axudas por valor de case 1,2 millóns de euros. A continuación, sitúanse as actividades doutros servizos, con 254 beneficiarios que recibirán apoios por máis de 900.000 euros, e o sector do transporte e almacenamento, con axudas por valor de 385.000 euros a 154 empresas.
Cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os cheques de dixitalización achegan axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros. Os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros.
Novas axudas activadas para apoiar os sectores máis vulnerables
Durante a rolda de prensa, o director do Igape, Fernando Guldrís, lembrou ademais que están activas as novas medidas destinadas a apoiar aos colectivos e sectores máis prexudicados pola pandemia. Nese sentido, lembrou que o novo programa de axudas dirixido aos establecementos hostaleiros e de restauración achegará tres millóns de euros en apoios directos para permitir adecuar os espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local. Poden solicitalas autónomos e pemes de menos de 50 traballadores e cubrirán o 80% do investimento, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Inclúen ademais a achega de anticipos no momento da resolución favorable pola metade da contía da axuda.
No que respecta á nova liña para a concesión de préstamos dotada con 10 millóns de euros, o director do Igape fixo fincapé en que está destinada especialmente a achegar liquidez aos sectores con máis dificultades de acceso ao crédito, como a hostalería, o ocio nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social. Os préstamos contarán con xuros baixos e próximos ao 0% e poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia.
AXUDAS CONCEDIDAS DIXITALIZACIÓN SECTOR COMERCIAL |
|||
Beneficiarios |
Axudas |
Mobilización |
|
Galicia Exporta Dixital |
72 |
2.782.842 € |
3.478.000 € |
Cheque Dixitalización |
759 |
2.910.375 € |
3.637.969 € |
Proxectos Industria 4.0 |
81 |
1.083.244 € |
2.743.349 € |
Dixitalización DX Comercio e Consumo |
444 |
2.362.548 € |
3.520.986 € |
TOTAL |
1356 |
9.139.008 € |
13.380.304 € |