Wednesday, 09 December 2020 13:21

A Xunta impulsa 155 plans de internacionalización dixital de pemes e microempresas galegas en máis de 90 países

As axudas achegadas a través das dúas convocatorias deste ano do Galicia Exporta Dixital mobilizarán 7M€. O Goberno galego reforzou e adecuou o novo programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é impulsar as vendas no exterior das empresas galegas, especialmente as de menos de 10 traballadores e os comercios, a través de ferramentas dixitais innovadoras. Seis de cada dez empresas beneficiarias son microempresas e destaca o comercio polo miúdo, co 27% do total de empresas apoiadas. Complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica, como as liñas de apoio á modernización e a innovación no comercio de proximidade, o rural e a economía social.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020.- A Xunta de Galicia achega preto de 5,6 millóns de euros ás pemes galegas –especialmente microempresas– para desenvolver 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países a través do Galicia Exporta Dixital, a nova liña de axudas reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.

O obxectivo deste programa da Vicepresidencia económica é apoiar a expansión internacional das empresas galegas, especialmente de empresas con menos de 10 traballadores e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas aprobadas van supor unha mobilización de 7 millóns de euros e o gasto medio por proxecto aprobado supera os 50.500 euros. Ademais, seis de cada 10 beneficiarios dos apoios son microempresas, mentres que o 27% son pequenas e o 11% medianas compañías. Por sectores, destacan as axudas concedidas ao comercio polo miúdo, que recibe preto de 1,6 millóns de euros, o 28% do total, pertencendo a este sector o 27% das empresas apoiadas.

En canto aos países de destino elixidos polas empresas para desenvolver os seus plans de internacionalización, ao redor do 56% son de Europa (53% da Unión Europea e 3% do resto de países europeos), con Francia como primeiro mercado escollido. Fóra de Europa, que representa o 44% do total, os países máis destacados son Estados Unidos e México, destinos principais das accións de promoción das vendas que serán apoiadas.

No que se refire ao tipo de medidas que se implementarán, as máis demandadas son as relativas ao software –co 37% sobre o total–, destacando especialmente os gastos de solucións de inbound márketing internacional para captar, reter, converter e fidelizar a usuarios. Outros dos plans máis solicitados son os relativos á creación e adaptación de tendas online e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo.

Outras medidas de impulso á dixitalización
Cofinanciado polos fondos Feder, este programa complementa o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, aos que en conxunto en 2020 se destinan preto de 15 millóns de euros e cos que se espera apoiar a promoción no exterior de 1000 empresas.

Ademais, o Galicia Exporta Dixital completa as medidas aprobadas polo Goberno galego para impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica de Galicia. Estas iniciativas pretenden facilitar que poidan acometer os procesos de dixitalización máis axeitados que lles permitan reforzar a súa actividade e afondar na súa expansión internacional, tendo en conta de maneira especial o comercio de proximidade, o tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do teletraballo.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments