Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago, durante a clausura do ciclo de encontros dixitais Tecnoloxías 4.0: aplicacións punteiras en sectores estratéxicos, que esas ferramentas son fundamentais para manter e incrementar a competitividade no novo contexto económico actual. Foi no último dos webinarios programados pola Xunta e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) para achegar as aplicacións das tecnolóxicas ás pemes galegas.
Nos seis encontros semanais, que se ofreceron en liña e nos que as persoas asistentes expuxeronas súas dúbidas, expertos dos centros tecnolóxicos e compañías explicaron as aplicacións punteiras destas tecnoloxías a nivel mundial, tanto as xa existentes como as potenciais, con enfoques dirixidos a cada sector.
Así, na xornada de hoxe técnicos do centro Aimen e responsables das empresas Lupeon e Unimate Robótica deron as claves do potencial da fabricación aditiva ou impresión 3D. Nos anteriores encontros, especialistas doutros organismos e empresas mostraron as oportunidades que a 5G, a automatización e a robótica colaborativa, a intelixencia artificial, a xestión da enerxía e a economía circular, e a interacción persoa-máquina ofrecen ao tecido produtivo galego para avanzar cara a Industria 4.0 e a dixitalización.
O director do Igape resaltou os resultados da colaboración entre todos os actores que integran o sistema produtivo e de coñecemento galegos no impulso á implantación das novas tecnoloxías e agradeceu o traballo que levan a cabo os centros tecnóloxicos, de detección das necesidades do tecido industrial e de propostas de avance na I+D+i.
Nese sentido, Guldrís lembrou que o ciclo de encontros que hoxe rematou é unha das iniciativas que se están a desenvolver desde 2016 ao abeiro do convenio de colaboración Oportunidades Industria 4.0 para as empresas galegas, asinado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e Atiga, xunto cos centros que a integran. Así, os webinarios achegaron as conclusións prácticas do último traballo de análise sobre tecnoloxías emerxentes que se vén de realizar no marco deste acordo.
Renovado a comezos deste ano, este convenio ten como obxectivo analizar o nivel de implantación das novas tecnoloxías nos diferentes sectores económicos e propoñer estratexias e medidas que impulsen o aproveitamento das oportunidades que ofrecen para incrementar a competitividade das pemes. Como resultado da primeira fase de estudo, en 2018 o Igape e Atiga publicaron as conclusións da análise das necesidades e o potencial de mellora asociado á incorporación de tecnoloxías 4.0 no tecido empresarial galego.
Este investigación ofreceu ás pemes un diagnóstico detallado por sectores produtivos e tipos de tecnoloxías sobre as melloras que ofrecían na competitividade grazas a optimización da produción, a xeración de novos produtos e servizos ao cliente e de novos modelos de negocio, ademais de avances na cualificación das persoas e equipos de traballo. Ademais, describía os investimentos en tecnoloxías 4.0 que as empresas galegas prevían acometer.