Wednesday, 09 December 2020 11:48

A Xunta informa sobre os préstamos IFI dirixidos a apoiar proxectos innovadores de pequenas e medianas empresas

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, presentaron esta mañá este instrumento financeiro que apoia proxectos de I+D+i de pemes para mellorar a súa posición competitiva. A convocatoria 2020 dos préstamos IFI Innova, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de decembro, conta cun orzamento de máis de 3 millóns de euros.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, abriron esta mañá a xornada online sobre os instrumentos financeiros innovadores (IFI) dirixidos a intensificar o apoio a micro, pequenas e medianas empresas galegas no financiamento do novos proxectos innovadores, cofinanciado a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Os IFI Innova están dirixidos especificamente a empresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desexen desenvolver un novo proxecto de I+D+i co obxectivo de mellorar a súa posición competitiva. En concreto, fináncianse proxectos de I+D+i que se atopen nunha fase de madurez próxima ao mercado. Estes créditos ofrecen condicións vantaxosas, como un tipo de interese reducido e unha porcentaxe de financiamento do 70% a través de préstamo e un 30% de fondos propios ou bancarios; un importe de entre 50.000 e 500.000 euros sen necesidade de garantías ata os 200.000 euros; e un prazo de amortización de entre 2 e 12 anos, cun máximo de catro anos de carencia, ademais da posibilidade de incorporar amortizacións aceleradas en función dos recursos que sexa capaz de xerar a empresa.

Actualmente, permanece aberta ata o 30 de decembro a convocatoria de 2020, dotada con 3.175.000 euros. Na primeira convocatoria deste instrumento, financiáronse 20 proxectos de I+D+i cun financiamento total concedido de 3,7 millóns de euros e un investimento final mobilizado de 5,6 millóns en ámbitos como as TIC, a ciberseguridade, as telecomunicacións e os videoxogos, a automoción, a biotecnoloxía, a ecoinnovación, o forestal, a comercialización de enerxía e os novos materiais.

O programa dos IFI Innova súmanse a outros apoios que perseguen incrementar a competitividade das pemes galegas como a nova liña Conecta Hubs, o programa InnovaPeme ou os programas de captación e retención de talento Principia e Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación.

Na súa intervención, a directora de Gain sinalou que fomentar a innovación entre as pemes é unha das prioridades das políticas de I+D+i do Executivo galego. Argerey insistiu en que a innovación non está reservada ás grandes empresas, senón que as pemes tamén poden innovar. Ademais, destacou as vantaxes deste tipo de instrumentos de financiamento, polo seu efecto multiplicador, a súa sustentabilidade e a súa capacidade para combinar recursos públicos e privados na consecución dos obxectivos públicos.

Fernando Guldrís, pola súa parte, destacou o compromiso do Goberno galego coa recuperación da economía da Comunidade e especialmente a dos sectores máis golpeados pola covid-19. Neste sentido lembrou que a Xunta, tamén dentro do programa de instrumentos financeiros innovadores (IFI), vén de activar unha nova liña á que destina 10 millóns de euros para facilitar préstamos directos aos autónomos, microempresas e pemes que teñen máis problemas de liquidez e máis dificultades no acceso ao crédito privado.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments