Tuesday, 24 November 2020 13:19

A Xunta recoñece o traballo de seis centros de ensino no concurso Eduemprende Idea 2020

O certame ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e fomentar así o emprendemento. Resultaron premiados equipos de Pontevedra, Lugo, A Coruña e Vigo, que recibirán en total 12.000 euros e poderán incorporarse a un viveiro de empresas da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico do Igape.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020.- A Xunta vén de resolver a concesión dos premios do concurso Eduemprende Idea 2020, o certame anual que busca estimular o emprendemento mediante a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

Como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), os seis equipos de estudantes gañadores recibirán un total de 12.000 euros, poderán incorporarse a un viveiro de empresas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e recibir asesoramento técnico do Igape para desenvolver os seus proxectos.

O certame, que naceu en 2015 no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende), ten como obxectivo implantar a cultura emprendedora na comunidade educativa. Así, busca dar resposta ás necesidades da sociedade e os cambios na concepción dos procesos de ensino e aprendizaxe, para reforzar os vínculos entre educación, empresa, investigación e innovación.

Os galardóns constan de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas modalidades o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Na modalidade A, dirixida a alumnado de ciclos de grao superior, resultaron premiados os seguintes centros e estudantes:

  • Primeiro premio: IES Montecelo (Pontevedra). Proxecto Fulmar. Estudantes que o impulsan: Alba Meis Fernández e Tana Fuentes Padín.
  • Segundo premio: CIFP Politécnico de Lugo. Proxecto Agrolucus. Estudantes que o impulsan: Elías Blanco Castro e Alejandro López Fontán.
  • Terceiro premio: CIFP Someso (A Coruña). Proxecto Aqualar. Estudantes que o impulsan: Alejandro Calvelo Campelo, Alejandro Davila Silva e Carlos Filgueiras Díaz.

 

Na modalidade B, dirixida a alumnado de ciclos de grao medio, resultaron premiados os seguintes centros e estudantes:

  • Primeiro premio: CIFP Carlos Oroza (Pontevedra). Proxecto Mimasa. Estudantes que o impulsan: Sandra Rodríguez Barreiro, María Peón Lamas e Emilia Marín Sousa.
  • Segundo premio: CIFP Manuel Antonio (Vigo). Proxecto Tolemia. Estudantes que o impulsan: Beatriz Domínguez Vázquez e Marta Alonso Lago.
  • Terceiro premio: IES Montecelo (Pontevedra). Proxecto Camiñando. Estudantes que o impulsan: Andrea Abal Martínez, José Carlos Rodríguez Danoz e Julián Sevilla Piedras.

 

As persoas participantes deberon achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de 2 e máximo de 4) e un proxecto de empresa, así como un resumo executivo e un vídeo do mesmo. A comisión avaliadora tivo en conta, entre outras características, a viabilidade técnica, financeira e comercial dos proxectos presentados, así como a coherencia e o carácter innovador.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments