Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación da xornada Biotecnoloxía. Do descoñecemento (social) á necesidade (colectiva), organizada pola Xunta, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia no marco do proxecto Capacita Directivos. Guldrís resaltou o papel do sector galego da biotecnoloxía para dar resposta ás novas necesidades, retos e oportunidades vinculados tanto á nova economía e a crise climática, como á sanitaria provocada pola pandemia da covid-19.
O encontro desenvolveuse en formato presencial e dixital e contou coa participación de representantes do clúster galego de biotecnoloxía Bioga e o Hub de Innovación Dixital DATAlife, directivos de empresas do sector, emprendedores e investigadores universitarios. Ademais do afondar nas tendencias mundiais neste eido, o foro abordou cuestións relacionadas co futuro da biotecnoloxía en Galicia e o papel que desempeñan as empresas biotech no desenvolvemento económico da Comunidade.
Nese sentido, o director do Igape animou ás pemes, grandes empresas, agrupacións e centros de investigación que asistiron á xornada a seguir traballando conxuntamente e valorou o seu esforzo na ampliación de competencias dos equipos directivos e dos traballadores nun momento no que a dixitalización, a innovación e a economía verde e circular son claves para manter e incrementar a competitividade. Ademais, agradeceu o seu papel na protección da saúde na actual situación provocada pola covid-19.
Puxo de manifesto, ademais, que a Xunta vén de aprobar a Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025, que dá continuidade á folla de ruta posta en marcha en 2016 para vertebrar o apoio ao sector, co obxectivo de que Galicia sexa un polo de atracción de investimentos e de creación de emprego altamente cualificado.
A misión da estratexia é maximizar o potencial da biotecnoloxía galega a nivel internacional para xerar valor económico e social e contribuír a dinamizar e modernizar sectores tradicionais, aumentando o seu grao de competitividade. Como lembrou Guldrís, este ámbito económico ten a capacidade de transformar eidos estratéxicos para Galicia, como o agroalimentario, o mariño, o medioambiental ou o sanitario.
O director do Igape tamén lembrou a aposta da Xunta pola dixitalización, a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente a través do Plan de reactivación e dinamización de Galicia, que reforza proxectos xa en funcionamento neste eido e crea medidas novas. Este conxunto de accións inciden no compromiso de impulso da nova economía e a Industria 4.0.
A xornada forma parte da iniciativa formativa Empresa intelixente. Competitividade e crecemento empresarial en Galicia, que durante outubro e novembro abordará a situación de sectores estratéxicos galegos en encontros que teñen lugar en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña ao abeiro do programa Capacita Directivos.
Así, o director do Igape salientou que, desde 2015, a través deste programa realizáronse 61 actividades formativas nas que participaron 10.000 asistentes, aos que se sumarán os 1600 previstos nas accións que se están a realizar en 2020. O seu obxectivo é desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías vinculadas ás oportunidades que achega a Industria 4.0. e a dixitalización.