Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no acto de apertura das I Xornadas dixitais sobre tecnoloxías e solucións para a automatización (Digital JAI'2020) organizadas pola Universidade de Vigo, a través da Escola de Enxeñería Industrial, coa colaboración da Xunta entre outras institucións, onde destacou a necesidade de seguir impulsando a dixitalización e a automatización dos procesos para afrontar os novos retos económicos e sociais provocados pola pandemia da covid-19.
O director do Igape sinalou tamén a importancia da colaboración entre empresas, centros de coñecemento e a Administración para atopar solucións ás exixencias actuais nos ámbitos da produción e comercialización industriais e lembrou a relevancia de foros como o que hoxe comezou, no que as compañías poden achegar á universidade as necesidades que teñen no que respecta á formación do seu persoal técnico e directivo no eido das tecnoloxías 4.0.
Tras sete edicións celebradas de forma presencial, as JAI convocan este ano a súa primeira cita totalmente dixital, aberta a participantes de España e Iberoamérica. Ademais de facilitar ás plantas industriais poder afrontar con bos resultados os retos da crecente globalización e competitividade, as xornadas dan a coñecer exemplos de éxito de tres dos sectores estratéxicos para a economía galega -alimentación, automoción e enerxía-, e inciden na importancia de concienciar aos cadros directivos da pertinencia de avanzar na dixitalización nas súas empresas.
Nese sentido, Guldrís lembrou que a Xunta segue a traballar para intensificar as transformacións tecnolóxicas entre o tecido produtivo galego, reforzando e reformulando os programas de impulso á dixitalización para dar resposta ás necesidades das empresas galegas, especialmente as pemes, no novo contexto económico. Así, o Plan de reactivación e dinamización de Galicia inclúe liñas de apoio para fomentar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente, o impulso do teletraballo e a internacionalización dixital.